A Catedral Compostelá

Nai das igrexas diocesás, cátedra do bispo, emporio de arte e historia. Vén sendo o sartego apostólico  meirande pois toda a arquitectura da gran catedral está concebida como unha cuberta protectora, un espacio no que se venera o sepulcro xacobeo. E así foi ampliándose e erguéndose a través dos séculos.

Hoxe vemos a catedral compostelá rodeada de andamios, coma unha persoa que necesita muletas nas que apoiarse.

A Torre das Campás sempre levou a peor parte pois está levantada nun lateral da acusada pendente orixinada polo castro onde se descubreu o sepulcro e naceu Compostela.

O Obradoiro sufre os maléficos resultados de tanta foguetería, estronicio e gases que producen os populares Fogos do Apóstolo. Danos que empezaron hai xa máis de 160 anos.

O Pórtico da Gloria padece unha crónica humidade que lle chega do tellado e motivada polas malas reparacións que nel se fixeron en tempos pasados.

O cimborrio, obra do século XVII, é un cribo polo que entra a auga que bate con forza no exterior das súas paredes e fiestras.

As pombas, moi fermosas elas, pero moi dañinas na pedra, atúan os desaugues e as augas apozan enriba da catedral.

Dóenos a catedral, Santiago é para nós o mesmo que Xerusalem para os xudeos, que acudían alí cantando loubanzas a Yavet.

Amamos de corazón a nosa catedral. Alí sentimos unha forza especial para revitalizar a nosa Fe e a nosa biografía persoal, pois en Compostela vivimos moitos anos, quizais os mellores da nosa vida.

Xosé Pumar Gándara