A Coresma da Misericordia

Sempre, todos os anos, a Coresma anuncia o perdón como camiño para a Pascua.

Pero este ano Xubilar da Misericordia fainos cavilar na nosa condición de pecadores, no necesario arrepentimento, a enmenda e o acceso ó sacramento da Penitencia.

Por qué o papa Francisco proclamaría este Ano da Misericordia?

Pensan algúns que o papa arxentino ao chegar ao cargo que hoxe desempeña, viu un mundo moi entregado ao pecado, á inxusticia, con dereitos humanos, aquí e acolá, negados ou asoballados.

Na mesma Igrexa de Deus, nos eclesiásticos e relixiosos, o papa viu necesidades de conversión, arrepentimento, penitencia polos escándolos dados.

Certamente, Deus ofrece a súa Misericordia como un don de Pai bondadoso. Pero iso non priva de que poñamos o que nos corresponde da nosa parte. Non seriamos dignos de misericordia se non sentimos a chamada coresmal, pascual, á conversión.

Como S. Xoán Bautista na beira do Xordán, predicaba penitencia para acoller a Xesús, e as moitedumes, arrepentidas, recibían aquel bautizo de penitencia, así hoxe, nós, escoitando a voz de Deus, sintámonos chamados á misericordia.

Con Xoán, ata os mesmos fariseos chegaron a pensar se aquel profeta, severo e radical, non sería o Mesías.

Hoxe, a voz do Bautista, está representada na chamada do papa Francisco: Non cansa Deus de perdoar, cansamos nós de pedir perdón.

Xosé Pumar Gándara