A Música Relixiosa

Tivo na nosa diocese un tempo de esplendor. Corrían os pontificados de Muniz Pablos e Quiroga Palacios.

No Seminario, un profesor que fora a Roma para especializarse en canto gregoriano e dirección coral, fundaba a Schola Cantorum. Era don Xosé Pérez Rajoán, benemérito e sabio sacerdote, nacido na Escravitude e alí, naquel camposanto, agora descansa.

Daquela Schola saíron moitos sacerdotes e laicos que fundaron coros, propiciaron o canto relixioso en parroquias, suscitaron vocacións.

Teño memoria dalgúns casos. Así, os irmáns Prudencio e Alberto Romo González, fundadores dos Tamara, que compuxeron fermosos vilancicos.

Baldomar García Gesto, fundador e director da Coral de Boiro, que, finado   el, tomou o nome do seu director. Foi párroco de Abanqueiro.

Antonio Santomil González, sochantre da Catedral, que ten un monumento no adro de Bugallido onde finou de párroco.

Nemesio García Carril, mestre de capela da Catedral, famoso compositor.

Atilano Pereira, director da coral do Colexio Peleteiro.

Manuel Gesto García, canónigo organista da Catedral.

Manuel Iglesias Pérez, profesor de música no Seminario Menor, promotor da homenaxe que os alumnos de Pérez Rajoán lle tributamos hai poucos anos.

Manuel López Castro, fundador e director da coral de Betanzos, que dirixiu o grupo de veteranos sacerdotes que homenaxearon a Pérez  Rajoán.

Marcelino Liste Buján, chantre da Colexiata da Coruña.

Enrique Reigosa García, organista, párroco de Figueiras.

Antonio  Suárez    Carneiro, sochantre emérito da Catedral.

Eusebio Calvelo Sánchez, algún tempo director da Coral de Bergantiños.

Agora, Oscar Balado, xoven sacerdote formado en Roma, dotado de grandes facultades e coñecementos, será o encargado na diocese da renovación do canto relixioso, fomentando a participación dos fieis. Oscar Balado é director do secretariado de Música Sacra na Comisión Diocesana da Liturxia.

Ademais dos nosos parabéns, desexámoslle os mellores resultados.

Xosé Pumar Gándara