Alba de Gloria

Sabe o lector que este título é dun celebérrimo discurso pronunciado polo noso Alfonso Rodríguez Castelao o día do Apóstolo do ano 1.947 en Buenos Aires.

Solemne, triunfal, histórico aquel discurso no que Castelao facía un canto a Galicia, á cidade de Compostela e ós persoeiros que engrandeceron a Nosa Terra.

Calquera que sexa o título civil que deamos ao día do Apóstolo, vale a pena adentrarnos en Compostela, na súa Catedral que é o corazón da cidade e da nosa igrexa diocesá.

A urbe xacobea, a catedral, xurdiron nunha antiga vila romana, á que chegaron os restos mortais de Santiago Zebedeo. Descuberto aquel sartego no século IX, o rei Alfonso II fixo a primeira igrexa acollendo aquel sepulcro, outra maior erixiuna Alfonso III. A actual catedral románica foi iniciada por Diego Peláez, seguida por Diego Xelmírez (século XII). No tempo do barroco (séculos XVII – XVIII) o exterior da gran igrexa, a máis grandiosa de cantas había naquel tempo medieval no orbe católico, demudou ostensiblemente. Así temos a torre do Reloxio e a fachada do Obradoiro.

Cardenais houbo que fixeron posible este culto a Santiago que hoxe ten trascendencia mundial. Nomeo a Payá, Martín Herrera e Quiroga.

Arcebispos, tamén señores da cidade, que a engrandeceron ata ser hoxe Patrimonio da Humanidade. Así: Xelmírez, Fonseca III, Raxoi.

Cóengos que están nas antoloxías do pensamento científico: López Ferreiro, Amor Ruibal, Guerra Campos.

Poetas, literatos cantaron a Compostela: Rosalía, Valle Inclán, Otero Pedrayo.

Igrexas xurdidas no esplendor xacobeo: Sar, Salomé, S. Martiño Pinario.

Mosteiros, conventos, parroquias, universidade civil, seminario… todo é consecuencia da presencia de Santiago en Compostela.

Felicitémonos por tanta grandeza, sexamos dignos herdeiros dela.

Xosé Pumar Gándara