Apertura de curso no Seminario Menor

Parece que a data mais significativa ao comezar un novo ano é o 1 de xaneiro. Puidera selo, non digo eu que non. Mais son dos que defende que, na práctica, o que supón un auténtico inicio de ano (con todo o que isto supón… de nova etapa, novos plantexamentos, ilusións renovadas, etc.) é o comezo dun curso escolar. Para todos, esteamos vinculados ao mundo da educación ou non, o mes de setembro supón un punto de inflexión nas nosas vidas.

Con isto en mente, o Seminario Menor da Asunción, o noso Seminario Menor, inauguraba este xoves o curso 2016-2017. Facíao da man do noso Bispo Auxiliar, que presidiu a Celebración eucarística e dirixiu cordialmente unha profunda exhortación a perseverar na fidelidade ao estudo igual que María, Virxe das Dores, permaneceu fiel ao pe da Cruz. Foi tamén a oportunidade para que os nosos alumnos o felicitaran persoalmente no día do seu aniversario.

A Eucaristía dou paso, pouco despois, ao Acto académico, no cal o Sr. Reitor dirixía oficialmente as primeiras palabras a toda a comunidade educativa. No transcurso do mesmo, tivo lugar a lección inaugural a cargo do Prof. Fuentes González que, baixo o título Conmemorar, fixo un percorrido polo que supuxo a I Guerra Mundial e a Revolución Rusa en relación ás aparicións de Nosa Señora en Fátima, ao cumprirse o centenario de tales acontecementos.

Desexamos, dende aquí, un bo inicio de curso a toda a comunidade educativa e invitamos a tódolos que o desexen a coñecer en calquera momento esta realidade ao servizo da nosa archidiocese, que é o Seminario Menor.

Santi Romero

 

s_menor02