Co verán por diante

Desperta optimismo esta idea. Tempo de vacacións, esperadas, merecidas. Praias ateigadas, romarías acó e acolá. Virán os nosos emigrantes, xuntanzas familiares. Alegría na xente.

O tempo contado pasa de contado, dicía un vello petrucio. Non queremos amargar as vacacións, pero con éstas veñen todos os anos, uns importantes avisos.

Hai afogamentos no mar por temeridades, por non respectar as bandeiras roxas ou marelas; por non atender a un tempo de seguridade despois do xantar.

Avisan médicos e farmacéuticos que aumentan os cancros de pel pola excesiva exposición ao Sol e sen protector.

As nosas pistas, retorcidas, estreitas, rexistran moitos accidentes. Ás veces nas horas da madrugada, tras a alegría dunha festa.

Queda o lume no monte. Galicia é tan fermosa! Cada carballo, ou castiñeiro, é coma un floreiro que admiran os que veñen de fóra. O Camiño de Santiago atrae a peregrinos e turistas, pero a beleza das paisaxes que se abren ao paso dos camiñantes, é unha motivación moi forte para visitar Galicia.

Se somos pouco coidadores, podemos volver borralla tanta beleza. Non quero pensar que haxa ese terrorismo ecolóxico que moitos denuncian.

O noso habitat é a nosa saúde, a nosa fortuna, a beleza que nos anima a vivir e alabar a Deus.

Felices vacacións!

Xosé Pumar Gándara