Día 6 – VI -1.954

Van aló 62 anos. Era domingo de Pentecostés. O cardeal Quiroga, soberano, maxestático, vai proceder, naquela soleada mañá compostelá, á ordenación presbiteral de vinteoito diáconos, todos alumnos do Seminario de Santiago. O escenario foi a igrexa monacal de S. Martiño Pinario, marco incomparable pola súa dimensión, visibilidade e ornato.

Quiroga Palacios impoñía solemnidade, un dinamismo tal á súa liturxia que sobrecollía aos máis indiferentes. Con báculo e mitra bendicindo ós ordenandos postrados ante el, ofrecía una visión indescriptible.

Daqueles 28, hoxe sobrevive a metade. Entre eles, quen isto escribe. Sendo o máis novo daquela promoción.

Era Ano Santo Compostelán. Rematada a ceremonia saímos, presididos polo cardeal, camiño da Catedral para entrar polo Obradoiro. Era a primeira vez que Quiroga tiña este xesto con neopresbíteros. Recibimos o seu parabén ante a imaxe do Apóstolo. Fotografía despois para a posteridade na acibechería.

Lembrarei a dous profesores que tivemos. Guerra Campos, o único que chegou a bispo, sabio, humilde, de incisiva capacidade intelectual.

Pérez Rajoán, traballador silencioso, fundador da famosa Schola Cantorum (que algún día, por 1.942 actuou en Carballo). Moitas xeracións sacerdotais recibiron formación musical  de P. Rajoán, e despois fundaron coros en vilas e parroquias.

Entre os compañeiros daquel 6 –VI – 54, permítanme citar a Xosé Ríos Xixirei, quen foi vicario episcopal, párroco de Sta. Lucía na Coruña. Leva dous anos e medio padecendo un alzheimer que o deixou apartado do exercicio sacerdotal, no que el fora modelo de entrega.

Perdoen os lectores a lembranza desta efemérides na longa vida deste que confía na misericordia de Deus.

Xosé Pumar Gándara