“Estrea” da fachada de Obradoiro, a tan maltratada. Reposta de arriba abaixo. Novos enganches de ferro. Máis luz nos ventanais para ver o Pórtico. Liberado de pezas extrañas. Non vemos os liques clásicos que coloreaban a pedra. Fermosa, pero que a ían comendo. Non volva a bárbara foguetería que a facía tremer. Segue a debilidade da torre das Campás, porque xa desde a base, lle tocou asentar sobre a parte declinante do castro. Disque non hai perigo de derrumbe.

O Pórtico da Gloria pasou de estar fóra, ás inclemencias do tempo, a estar protexido pola fachada no século XVIII. Perdeu na operación algunhas pezas que andan por aí. Ogallá se recuperen.

Pero tivo o Pórtico outro dano. Foi cando no século XIX fixeron unha reproducción del en escaiola para, era con este “negativo”, reproducir o Pórtico no Museo de Londres. Daquela o Pórtico perdeu colores e mesmo algo de  escaiola  quedou nas regandixas e figuras do Pórtico. Perdeu cor a gran obra do Mestre Mateo.

Aínda máis. As obras que se fixeron na cuberta  da catedral durante o século XX deixaban vir a humidade para o Pórtico. Foi necesario reparar, tapiar ben, selar a cuberta. Outra cousa nos nosos días. Din que aquela reproducción en escaiola foi quen inmortalizou e deu coñecemento de tal obra no mundo da arte. Empezou a vir moita xente, parroquias, para admirar o Pórtico e aprender a lección da Fe que alí está expresada. Varias interpretacións.

Toda esta acumulación de xente ante o Pórtico produce, polo alento e pola fala, un vapor que afecta ás figuras. No parteluz, ademais, na ramificación da árbore que vai de Xesé a María (pasando por David) a xente empezou a meter os dedos e a rezar. Afundíu máis aquel espacio no que hai 5 pequenos ocos.

Mirando cara o altar maior, o Santo dos Croques. Disque é a figura coa que se quixo inmortalizar o Mestre Mateo. Outros din que é o rei Alfonso II que foi quen sufragou a obra. Tamén así temos un abuso e desgaste na pedra.

Admiremos, pero conservemos, deixemos ás novas xeracións.

A retirada do triángulo co ollo vixiante. Unha peza extraña no cume e centro do cimborrio. Sempre nos extrañou. Mesmo parecían unha peza masónica, colorista, que ofendía a arte e infundía suspicacias. Deus míranos con afecto, non nos vixía policialmente

Xosé Pumar Gándara