Excursión sacerdotal por Pascua

O pasado 16 de abril, un grupo de sacerdotes fixo a súa xeitosa celebración da Pascua. A meirande parte deles comen xuntos os martes en Sigüeiro e tódolos anos adoitan facer unha excursión para agradecer o seu ministerio e confraternizar aínda máis.

Esta vez o rumbo era sur-leste. A primeira parada valeu para visitar A Merca e os seus 37 hórreos. Logo veu Vilanova dos Infantes, onde tivo lugar a celebración da sta. Misa. Rezar alí, na Capela da Virxen do Cristal (roubada a súa imaxe no ano 2015 coa conseguinte morte tráxica do párroco local) supuxo tamén un recordo emocionado e un encomendar as dificultades dos sacerdotes de hoxe.

Despois de comer, neste mesmo lugar, continuouse ata Celanova, na que unha visita guiada ó mosteiro de San Salvador descubriu aos visitantes un mundo incrible de patrimonio e beleza. A casa de Curros Enriquez anunciaba aos visitantes o mes das letras galegas que pronto chegaría. O fermoso entorno de Allariz serviu de colofón a unha viaxe para reforzar múltiples vencellos dunha xeneración de curas que exerce a súa pastoral con fidelidade, bo humor e desexos de que haxa relevo santo e abondoso no seu camiño tras as pegadas de Cristo.