Hoxe, inauguración da exposición “Con ollos de misericordia” no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns

Hoxe martes, 1 de decembro, inaugúrase a exposición de pintura do irmán Luís de Oseira que leva por título Con ollos de misericordia…, adicada á Virxe María. A inauguración da mostra será as 20:00 h da tarde no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e contarán coa presenza do Sr. Bispo auxiliar de Santiago e co Irmán Luis, autor das obras. Permanecerá aberta ata o día 7 de decembro.

O irmán Luís de Oseira amosará unha pequena mostra da súa extensa obra en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina. A inauguración será o día 1 de decembro, ás 20:00 horas da tarde. Permanecerá aberta ata o día 7 de decembro.

Na exposición, a primeira deste artista en Bertamiráns e que leva por título Con ollos de misericordia…, poderanse ver un total de 15 pezas que combinan diferentes técnicas pictóricas pero teñen un tema en común, a Virxe María. En palabras do irmán Luís, “será unha mostra de interesantes pinturas relacionadas coa Virxe María e con Cristo como a súa motivación. Ademais, o peche da mostra farase o véspera do día da Inmaculada”.

Esta mostra de pintura está organizada pola parroquia de Ortoño en colaboración co Concello de Ames.

Toda unha vida adicada ó arte

O irmán Luís de Oseira naceu en Madrid no 1946 e é licenciado en Belas Artes. Chegou ó mosteiro de Oseira no ano 1975, e comezou as súas actividades artísticas con literatura de carácter espiritual. As súas exposicións sucédense ao longo de todos estes anos amosando coñecementos en diversas disciplinas artísticas: pintura, gravado, decoración de estancias, ilustracións para libros, e incluso un cómic de 300 páxinas.