“Igrexa polo Traballo Decente” advirte que a pandemia debilita o dereito ao traballo

Baixo o lema “AGORA MÁIS QUE NUNCA: TRABALLO DECENTE!”, a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD), lanza un Manifesto con motivo do 1ª de Maio no que alerta como o impacto da pandemia está a debilitar o dereito ao traballo, e empobrecendo, precarizando e descartando a millóns de traballadores.

Asinan o manifesto Cáritas, Conferencia Española de Religiosos, CONFER, Hermandad Obrera de Acción Católica, HOAC, Justicia y Paz, Juventud Estudiante Católica JEC e Juventud Obrera Cristiana JOC .

Para ITD, esta profunda crise pon de relevo a necesidade dun cambio de sistema produtivo, baseado en traballos que acheguen valor, suxeitos a unhas condicións laborais dignas, e onde as persoas estean no centro. É urxente subliñar, nese sentido, a importancia do traballo como actividade humana que acrecenta a dignidade de cada persoa e das súas familias.

O Manifesto denuncia a destrución no último ano de miles de empregos e que moitos dos ERTE postos en marcha resolvéronse en despedimentos. Así mesmo, os empregos considerados esenciais –moitas veces exercidos en condicións precarias, tanto a nivel laboral como de protección sanitaria—, tampouco se viron recoñecidos nunha mellora das súas condicións. “E as medidas de protección social deseñadas para paliar os efectos da crise –afírmase— non chegaron ás persoas que máis o necesitan, como tampouco sucedeu co subsidio temporal previsto para as traballadoras do fogar ou o ingreso mínimo vital”.

Outra das consecuencias sociais da pandemia é o agravamento das condicións de pobreza entre a poboación migrante en situación administrativa irregular.

Ante este panorama, ITD insta “agora máis que nunca a adoptar as medidas necesarias para conseguir que o traballo decente sexa unha realidade accesible para todas as persoas, con condicións que permitan manter unha vida digna e unha protección social que chegue a todas as persoas que o necesitan”.

Guión Litúrxico 1º Maio

Manifesto 1º Maio