“Louvade e dade grazas conmigo ao Señor que me concedeu ser sacerdote durante 55 anos”

O próximo día 18, coa axuda de Deus, cumprirei 55 anos de cura, xa que o 18 de decembro de 1965 o benquerido  Cardeal D. Fernando  Quiroga Palacios ordenoume sacerdote. O 24 de decembro celebrei a primeira Misa na Capela do Pazo de Oca, onde sentín por primeira vez a chamada do Señor.

Por iso cada Nadal, ademais de bicar a imaxe do Neno Xesús colocado no Belén, todos os  dias  bico o altar, xa que ai é onde nace Xesús en cada Misa por medio das miñas pecadoras mans.

Quero celebrar esta data

1.-DAR GRACIAS: En primeiro lugar  dar gracias e invitarvos a que comigo deamos gracias ao Señor. -Ante todo e sempre a ti Señor, Pai, Fillo e Divino Espírito por todo o que durante estes 55 anos de cura, e o longo dos 77 anos da miña vida me regalaches.

Gracias pola vida e a saúde, pola  fe e a vocación. Sendo un traste chamáchesme, e a pesar das miñas miserias axudáchesme a perseverar sen volver a vista atrás.

– Por meus pais: Manuel e Carmen e pola gracia de desfrutar deles ata os 97 anos, e poder coidalos, devolvéndolle algo do que eles por min fixeron. Despois do Señor, a eles llo debo todo, como se sacrificaron marchando a Venezuela para que puidese estudiar….E despois acompañándome , os mellores colaboradores..

– Gracias por cantos me axudaron a ir medrando na fe e na resposta a túa chamada, a todos os profesores e formadores do Seminario

Aos pastores da Igrexa diocesana que alentaron e  animaron desde o comezo a miña tarefa pastoral: Ao Cardeal Quiroga que me ordenou sacerdote e me encomendou os primeiros encargos pastorais en Pontedeume e Salomé. A D. Ángel Suquía que me designou párroco de esta vila.

Gratitude especial a D. Antonio Rouco, que depositou na miña humilde persoa a súa confianza, nomeándome Vicario Episcopal da Coruña, e ao noso Arcebispo D. Julián por todo o apoio a tarefa pastoral desta parroquia, e de xeito especial polo cariño con que me acompañou no enterro de meus pais.

– Dar gracias ao Señor polos irmáns sacerdotes  que en unión, amizade fraterna  e colaboración fomos construíndo  a Igrexa en Carballo: Ramón Antelo, Jesús Barrientos, Jesús Antelo, Eduardo Puga   e dun xeito especial o amigo Manolo Rodriguez, fiel amigo e leal colaborador durante 30 anos,  e a D. Xosé Pumar que nos guía coa súa sabedoría e don de consello.

Un agradecido recoñecemento ás Fillas da Caridade e a tantos  xenerosos e leais colaboradores que veñen adicando tempo, esforzo e diñeiro as diversas tarefas da parroquia e de Cáritas

Dun xeito especial para o magnífico equipo da Secretaria e Comité executivo  que todos os días traballan xenerosa e eficazmente para a Parroquia

Gracias a todos e gracias a Deus!

2.- AQUÍ ME TES: Señor, hoxe de novo, volvo a repetir aquel SI, non nunha explosión de entusiasmo xuvenil dos 22 anos, senón serena, gozosa, humildemente na madurez dos meus 77 anos: AQUÍ ME TES. Para seguir servindo a Igrexa e os irmáns ,onde Ti me mandes e pídoche que siga celebrando cada a santa misa como se fose aquela primeira de hai 50 anos.

Se é posible, Señor, quero seguir ao voso servizo nesta querida Parroquia de Carballo. Aínda que non nacín aquí, síntome fillo adoptivo de Carballo e presumo e exerzo de carballés a onde queira que vou.

Mentres o Señor me dea saúde, o meu desexo é seguir servindo e vivindo nesta parroquia de Carballo. Porque o ser Cura Párroco é como casarse coa parroquia: é para toda a vida

Dei a parroquia de Carballo os mellores anos da miña vida, e Carballo deume acollida e cariño, axuda e colaboración, testemuño de fe e vida cristiá. Por iso aquí quero rematar a miña vida, e no Camposanto, a onde acompañei a tantos carballeses, quero repousar ao lado dos meus pais.

3.-NO REGAZO DA MILAGROSA

Remato esta pregaria poñendo no regazo da Virxe Milagrosa a toda a Parroquia e invitándovos a cantar o Magnificat como fago cada día no rezo da oración de vésperas.

A ela, Nai dos nenos e dos enfermos pido que nos libre desta pandemia e nos axude a volver a unha vida cristiá en familia.