“Louvado sexas, meu Señor”

Este ano o día de San Francisco cadra en domingo. Boa ocasión para lembrar algo da encíclica ecolóxica do noso papa Francisco.

Non nos chama somentes a recoñecer o cambio climático, senón que pide que non fagamos da Terra, a nosa casa, un gran depósito, unha morea de lixo.

“Os seres humanos non podemos degradar a Terra, despoboando bosques, destruíndo zonas húmidas, contaminando as augas, o chan e o aire”.

Padecemos a cultura do descarte “que afecta tanto ós seres humanos que excluímos, como ás cousas que axiña convertemos en porquería”.

“Cada ano desaparecen milleiros de especies vexetais e animais”.

“Hai moitos intereses particulares, económicos, que prevalecen sobre o ben común, e manipulan a información que vai en contra daqueles poderosos intereses”.

“Endexamais a humanidade tivo tanto poder sobre si mesma, e nada é garante de que este poder vaia ser utilizado no ben da mesma humanidade”.

“O adianto da ciencia e da técnica non equivalen a avance da humanidade”.

“A solución ten que vir por combater a pobreza, devolver a dignidade ós excluídos e, conxuntamente, coidar a natureza.”

“Debemos asumir o deber de coidar da creación con pequenas accións de a cotío e a educación ten que motivarnos para formar un estilo de vida”.

“A natureza está chea de palabras de amor, pero, cómo poderemos escoitalas no medio de tanto ruído, distracción, dando culto só á apariencia? Facer cousas a toda velocidade, decote con présa… todo isto ten impacto no modo de tratar a natureza.”

Velaí pequena síntese dalgúns parágrafos da encíclica do Papa. O mellor é lela paseniñamente e tela en cada casa.

Xosé Pumar Gándara