María

Seguramente nos temos preguntado máis dunha vez polo significado deste nome, é dicir, pola súa etimoloxía.

Pois non é cousa moi doada. Tal nome aparece no libro do Éxodo por primeira vez (cap. XV, ver. 20).María é unha irmá de Aarón e Moisés. Polo tanto, un nome que se pensa é exipcio, onde estaban daquela os hebreos. Buscando e rebuscando polas palabras e verbos árabes, entenden os expertos que o nome propio María significa AMADA.

Nos tempos de Xesús, xa na Palestina, ese nome era moi frecuente. Ademais de María, a nai do Señor, temos as chamadas tres Marías: María Salomé, María de Cleofás e María Magdalena, que estiveron ao pé da cruz de Xesús, no calvario.

Nos tempos de Herodes o Grande había derivados de María, como Mariám, Mariannes.

Na oratoria barroco que se oía nas nosas igrexas, predicada desde solemnes púlpitos, temos oído o nome de María interpretado con palabras latinas,  como son  Amara, Maria Amara, querendo dicir que Nosa Señora, María Santísima, era muller que sufríu amarguras, que foi un mar de dores. (Isto é verdade, pero non parece que sexa unha etimoloxía fundamentada).

Se opoñemos ó nome diminutivos latinos (xa na nosa cultura) temos: Mariola, Mariuca. Que en galego convertemos en Maruxa. Son hipocorísticos , nomes cariñosos, habituais entre nós.

Quedemos co que decíamos ao comezo, María é Amada.Certamente así especialmente, senlleiramente, no caso de María de Nazaret, amada de Deus e de todos nós, os seus fillos.

Xosé Pumar Gándara