Monseñor Barrio destaca o valor cultural e espiritual do Códice Calixtino

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, asegurou hoxe que a Igrexa “compostelana quere seguir sendo compañeira de viaxe para a humanidade” no acto institucional no que se agradeceu que o Códice Calixtino forme xa parte do Rexistro da Memoria do Mundo. O acto desenvolveuse na Sala Capitular da Catedral de Santiago. Asistiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; o delegado do Goberno, Santiago Villanueva Álvarez; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; o deán da Catedral, Segundo Pérez; e o responsable da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

Neste acto de celebración da inclusión do Códice Calixtino no Rexistro da Memoria do Mundo, da UNESCO, o arcebispo agradeceu “ás nosas autoridades autonómicas da Xunta de Galicia e ás demais persoas do Consello Xacobeo as xestións realizadas para ese efecto” e lembrou que “o Camiño de Santiago foi dende os seus inicios un camiño de fe e, ao mesmo tempo, un camiño de cultura, separadamente doutras connotacións. O peregrino xacobeo é viaxeiro do sagrado e transmisor de saberes, contribuíndo eficazmente á construción da nova Europa do Espírito, que ten a súa referencia espiritual nos seus principios morais e sociais, culturais e artísticos como tamén de pensamento”.

“Se a tumba do Apóstolo”, dixo monseñor Barrio, “é a estrela que orienta no peregrinar, o Códice Calixtino describe o itinerario para chegar á meta. Máis aló do inapreciable valor cultural, está o valor espiritual para o Feito Xacobeo. A fe, facéndose historia nos homes, converte así mesmo en cristiá a cultura”.

Pola súa banda, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou o recoñecemento internacional do Códice Calixtino que, segundo aseverou, facilita a conservación do documento e o acceso universal a el. “Hoxe, estamos ante unha gran nova para os galegos, para os europeos e para o mundo”, abundou.

O presidente da Xunta asegurou que Galicia seguirá impulsando unha das xoias do seu patrimonio e atractivo turístico: as rutas xacobeas. E, ao respecto, aseverou que hoxe o Camiño dispón dunha completa estratexia para mellorar a experiencia dos peregrinos –o plan director-; e estase actuando na mellora dos bens de interese cultural das rutas xacobeas e na rehabilitación integral da Catedral.

Esta é a intervención íntegra do arcebispo, monseñor Barrio, no acto que se celebrou na Sala Capitular da Catedral:

É motivo de satisfacción que o Códice Calixtino entre no Rexistro da Memoria do Mundo, recoñecéndolle o valor que ten e contribuíndo con iso a un maior coñecemento do mesmo en todo o mundo. É unha boa noticia.

Agradecemos ás nosas autoridades autonómicas da Xunta de Galicia e ás demais persoas do Consello Xacobeo as xestións realizadas para ese efecto.

O Camiño de Santiago foi dende os seus inicios un camiño de fe e, ao mesmo tempo, un camiño de cultura, separadamente doutras connotacións. O peregrino xacobeo é viaxeiro do sagrado e transmisor de saberes, contribuíndo eficazmente á construción da nova Europa do Espírito, que ten a súa referencia espiritual nos seus principios morais e sociais, culturais e artísticos como tamén de pensamento.

No medio do laicismo e do relativismo, da tecnoloxía e da electrónica, da movilidade e das viaxes rápidas, da exploración do espazo e das superautoestradas da información, as persoas seguen buscando botar raíces no chan firme e estable do sagrado. O rito, o misterio e a tradición cultural da peregrinación xacobea, en canto símbolo histórico e relixioso, seguen sendo un instrumento adecuado, susceptible de expresar o sentido profundo da existencia humana e por tanto da vida de fe cristiá, na procura do mellor que só se consegue a través da Verdade que nos fai libres.

O Códice Calixtino, obra do século XII, recolle este espírito e é un referente sen igual para a Peregrinación Xacobea e para o Feito Xacobeo. As primeiras vivencias da peregrinación á Tumba do Apóstolo deron lugar a esta primeira “Guía do Peregrino”, con consellos e con descricións de lugares e de obras de arte ao longo do Camiño, así como de costumes locais das xentes, alimentando a espiritualidade do peregrino con sermóns, coa narración de milagres atribuídos ao Apóstolo e coa achega de celebracións litúrxicas. Foron a tumba do Apóstolo e a peregrinación a ela as que están subxacentes ao contido desta obra. Se a tumba do Apóstolo é a estrela que orienta no peregrinar, o Códice Calixtino describe o itinerario para chegar á meta. Máis aló do inapreciable valor cultural, está o valor espiritual para o Feito Xacobeo. A fe, facéndose historia nos homes, converte así mesmo en cristiá a cultura.

Esta obra segue facendo historia con acougo. É este un momento para o agradecemento. O símbolo que mellor reflicte este sentimento é a palabra “grazas”. A Igrexa compostelana quere seguir sendo compañeira de viaxe para a humanidade. A chamada á esperanza ha de resoar desde a Casa do Señor Santiago, mirando cara arriba e camiñando cara adiante.