Monseñor Barrio inaugura mañá a Xornada de Pastoral Educativa organizada por Escolas Católicas de Galicia

Escolas Católicas de Galicia organiza a  Xornada de Pastoral Educativa 2016, que terá lugar mañá sábado, día 13 de febreiro, nas instalacións do colexio La Salle de Santiago. O lema desta xornada é “Escolas en Camiño”. O arcebispo de Santiago, monseñor Xulián Barrio Barrio, abrirá o encontro a partir das 9:45 horas, unha cita á que está prevista a asistencia de 350 directivos e profesores de distintos colexios de Galicia. Ao longo da xornada haberá 3 relatorios ou conferencias, a cargo doutros tantos especialistas, e unha Mesa Redonda.

O primeiro relatorio estará a cargo de Xosé Manuel Domínguez Prieto, doutor en Filosofía, profesor de filosofía que imparte cursos universitarios, formador en antropoloxía e psicoloxía da persoa. A través de máis de corenta libros difunde a filosofía personalista en foros filosóficos e psicolóxicos. Desenvolverá o relatorio: A Escola Católica como Camiño de: acollida, apertura, espiritualidade, solidariedade, innovación, creatividade…  Unha escola que abre aos seus alumnos os camiños da vida para ensinarlles a desenvolver e apreciar as calidades que Deus lles concedeu e canto de bo e belo puxo ao noso redor e na natureza.

No segundo relatorio Francisco Castro Miramontes, franciscano, gardián do convento de Santiago, licenciado en Dereito e Teoloxía. Home de fonda espiritualidade e experiencia no acompañamento de persoas nos camiños de Xesús en Terra Santa e no Camiño de Santiago. Tratará de como as Escolas Católica poden e deben fomentar a vivencia espiritual dos seus alumnos e o acompañamento que deben facilitarlles para que sexan posibles e positivas tales experiencias.

O terceiro relatorio vai ser de Siro López, licenciado en Teoloxía, formador e artista polifacético que conxuga a pintura, o deseño, a fotografía, a ilustración, o teatro o mimo e a danza. Será o responsable da parte lúdica- estética- festiva. Falará de como as Escolas Católicas poden e deben ser un camiño de convivencia, harmonía , beleza, amizade, compañeirismo e alegría.

Na primeira sesión da tarde celebrarase unha Mesa Redonda, que será animada por María Castro e na que intervirán: Xulio César Iglesias, salesiano, profesor que ten feito varias veces o Camiño de Santiago cos seus alumnos, para falarnos das vivencias persoais e dos alumnos así como do acompañamento que necesitan; Ángeles Carbajo, profesora que fixo unha experiencia de intercambio con alumnos de varios países e de diferentes relixións, informará de como é necesario un coñecemento, respecto, acollida, diálogo e “humanidade”; e Xosé Manuel Castiñeira, franciscano, que acolle e atende aos peregrinos no Santuario do Cebreiro.

PDFDIPTICO