Música e castañas contra a pobreza

MAÑÁ, dez de novembro, será a “Noite do Gospel” en Pontevedra, unha velada na que a música porá o acento máis solidario, co concerto do grupo vocal a capella “Aba Taano”, na Real Basílica de Santa María a Maior. O seu repertorio, que mestura góspel e cánticos tribais, servirá para poñer en conexión Galicia con Uganda, onde máis de trinta cativos orfos reciben unha educación integral grazas á labor de “Música Para Salvar Vidas”, promotora deste concerto coa colaboración da parroquia e do Concello de Pontevedra. Terá lugar ás 20:30 horas da tardiña, ao remate da misa das 20:00 horas, e a entrada é libre e gratuita. Aquelas persoas que desexen alentar o traballo de “Música Para Salvar Vidas” poden adquirir, ao remate do concerto, distintos materiais, entre eles, por exemplo, un CD coas distintas cancións deste grupo vocal.

Magosto solidario

Por certo que esta mesma semana, pero o vindeiro domingo, na parroquia de Santa María a Maior tamén poderemos disfrutar doutra iniciativa solidaria. Así, este 13 de novembro durante a mañá teremos o habitual magosto a beneficio de Cáritas Parroquial, á saída das misas de 11:00 e 12:30 horas, no Centro Parroquial.