Nosa Señora do Carme

Ondiñas veñen e van, Polo mar abaixo vai una troita de pé, Na beira do mar hai moito que ver… (Cantoral popular galego)

Tantas leguas mar adentro, miña casiña, meu lar (Rosalía de Castro, en Cantares Gallegos)

O mar está  moi presente en Galicia. Somos case case unha península. Ademais, temos unha cadea de ínsuas atlánticas, como xoias que anuncian e defenden a boca das nosas rías. Todas teñen un repertorio de cántigas, moi armónicas e ocorrentes que canta a xente da beiramar. Xeólogos e folkloristas teñen moito que reflexionar sobre as nosas illas.

Percorrendo os peiraos galegos, en tempos pasados, viamos lobos de mar, e dicir, mariñeiros de pel curtida polos soles de tantas mareas, unhas abondantes, outras escasas; unhas boas de facer, outras moi perigosas. Eran pais de familia valentes, arriscados, que sacaron do mar a mantenza da familia.

Naqueles tempos, tamén podiamos ver mulleres enloitadas que miraban ao mar coma un camposanto. As traxedias no mar das vilas mariñeiras, aínda se dan nos tempos que andamos.

Pero chega o día de Nosa Señora do Carme e hai unha metamorfose de esperanza nos portos galegos. As motoras saen engalanadas, a que leva a imaxe do Carme é como a nave insignia da procesión, as augas azuis abren paso con escumas brancas, o mar é un espello onde se mira a bóveda celeste do mes de xullo.

Qué recursos ten Nosa Señora para mover, consolar, animar a Fe das nosas familias mariñeiras!

Para mariñeiros,  nós! Cantos imos navegando neste barco que é a nosa Galicia, imos guiados por Santa María, Nosa Señora do Carme, a Raíña do Mar.

Xosé Pumar Gándara