Nota de prensa da Reunión Comisión Mixta Xunta-Igrexa

O pasado martes 12 de xuño, celebrouse unha nova reunión da Comisión Mixta Xunta-Igrexa Católica, órgano que asesora a Consellería de cultura para a protección, conservación fomento e difusión do patrimonio cultural de Galicia nas cuestións que afectan exclusivamente a bens de titularidade da Igrexa Católica que teñen valor cultural.

O bispo D. Luis Quinteiro, presidiu a sesión de traballo desta Comisión, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, D. Román Rodríguez, a directora xeral de Patrimonio Cultural, Dª María del Carmen Martínez Ínsua, e o secretario da Provincia eclesiástica de Santiago, D. Andrés Fernández Farto, entre outros representantes tanto da Consellería como da Igrexa.

A Comisión Mixta Xunta-Igrexa está regulada polo Decreto aprobado no Consello da Xunta do pasado mes de agosto e que ven a substituir a un anterior convenio asinado coa Igrexa co que viña funcionando este órgano, en vigor desde 1985.

Competencias

Entre as tarefas desta Comisión está a de elaborar un programa anual de intervencións a realizar nos centros de titularidade da Igrexa, que deberá organizarse por áreas culturais diferenciadas (patrimonio arquitectónico, patrimonio artístico e patrimonio documental e bibliográficos); establecer as prioridades para a distribución das achegas e intervencións da consellería (ata o de agora nunha se fixera un estudo de prioridades conxunta das intervencións no patrimonio da Igrexa); fixar as condicións para o acceso e visita pública aos bens inmobles eclesiásticos (priorizando aqueles nos que se realizasen ou se poidan realizar investimentos por parte da Xunta; e asesorar en medidas de seguridade destes bens, entre outros.

Funcionamento da comisión

A comisión mixta Xunta-Igrexa funciona en pleno ou ben a través de dúas subcomisións: unha para o rexistro do patrimonio cultural da Igrexa Católica e outra de conservación do Patrimonio cultural da Igrexa Católica.

En concreto, a comisión en pleno está constituída por dez representantes designados por ámbalas dúas institucións. A presidencia é rotatoria: nos anos impares recaerá no conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mentres que nos anos pares terá a quenda o Bispo Delegado para as cuestión de Patrimonio cultural no seo da Provincia eclesiástica de Santiago. Nos períodos nos que non ocupen a presidencia, os ditos membros terán a condición de vogal. Así mesmo, tamén está composta por dous vicepresidentes (a persoa titular da dirección xeral de Patrimonio Cultural e o secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago), tres vogais por parte da Xunta e outros tres designados polos bispos da Igrexa en Galicia.

A comisión reúnese polo menos dúas veces ao ano en sesión ordinaria e, con carácter extraordinario, de considerarse necesario. Ademais, adopta os seus acordos por unanimidade.

 

Foto de arquivo