O arcebispo recibiu aos peregrinos que fixeron o camiño dende a Antártida

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Xulián Barrio, recibiu hoxe, xoves día 7 de xullo, aos peregrinos que fixeron o Camiño de Santiago dende a Antártida. O arcebispo falou con eles na Praza do Obradorio e compartiu con eles as súas experiencias. Segundo informo na súa edición dixital o xornal “El Correo Gallego”, o alcalde de Santiago tamén lles deu a benvida a estes singulares peregrinose e lles agradeceu o seu esforzo, porque supón “unha gran promoción para o Camiño e para Santiago”.

No proxecto colaboraron a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño, a Armada, e o Exército de Terra. Ademais, o Instituto Hidrográfico da Mariña e o Instituto Xeográfico Nacional encargáronse de documentar o Camiño, nos seus 14.075 quilómetros de percorrido. A ruta antártica parte de Illa Decepción e chega por mar ata Cartaxena. Dende alí continúa a Santiago usando as rutas habituais.

Na primeira peregrinación antártica participaron 70 persoas, entre membros da dotación do buque de investigación oceanográfica Hespérides e da Base “Gabriel de Castilla”, así como científicos e técnicos da campaña Antártica 2015-2016. Durante o Camiño portaron unha bandeira conmemorativa, entregada pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que agora lle será achegada ao Museo Catedralicio. O presidente da Federación, Luis Gutiérrez, tamén participou na peregrinación antártica.