“O camiño da cruz”, nova publicación do Instituto Teolóxico Compostelano

Está a chegar ás librerías un novo libro no que se estuda unha celebración cristián propia deste tempo de coresma e semana santa. Estamos a referirnos ao acto litúrxico coñecido como “Vía crucis”. Precisamente esta é a orixe do título da publicación: O camiño da cruz, que se refire aos acontecementos históricos, e ao “camiño” que levou a Xesús de Nazaret, dende o Pretorio á morte no Gólgota.

O libro, editado polo Instituto Teolóxico Compostelano (ITC), da autoría de dous profesores eméritos dese Instituto -José Antonio González García e Manuel Regueiro Tenreiro- ten como título O Camiño da cruz: textos, estudios, celebración. Este título resume o contido da publicación:

  1. Os textos qu se recollen son o orixinal francés de Le Chemin de la Croix de Paul Claudel, a traducción á lingua galega (versión abreviada) de D. Xosé Filgueira Valverde e a versión libre e poetizada, en castelán, de D. José María Pemán.
  2. Os estudios que se teñen feito son unha investigación sobre o soporte da base bíblica, da reflexión teolóxica, ou das tradicións referentes ás estacións do Vía Crucis, e tamén unhas introducións ás biografías dos autores dos textos propostos (Claudel, Filgueira e Pemán).
  3. A celebración trátase dun ensaio, en lingua galega e con formato litúrxico, para ser empregado nas celebracións individuais ou comunitarias do Víacrucis. Neste texto preséntanse tamén unhas suxerencias para a reflexión (colectiva ou individual) en cada momento do acto litúrxico. Estas reflexións contextualízanse –na súa meirande parte- na celebración do ano xubilar da misericordia que , por iniciativa papal, se está a celebrar.

Esta nova publicación busca unha tripla finalidade: informar, formar e practicar.

  • Informar no senso de dar a coñecer parte da rica literatura que hai sobre o camiño da cruz.
  • Formar sobre o contido bíblico, teolóxico e de tradición piadoso-cristiá que se contén nos textos dos diferentes Vía Crucis.
  • Practicar estas devotas celebración litúrxicas, especialmente no tempo de coresma e nas celebracións de Semana Santa.

libro_occ

Publicación.- O Camiño da cruz: textos, estudios, celebración.
Autores.- J. A. González García e M. Regueiro
Edita.- Instituto Teolóxico Compostelano.
Praza da Inmaculada, 5
15704 – Santiago de Compostela.
Páxinas.- 112
Prezo.- 12 Euros.