O conxunto parroquial da Peregrina

Dos vinte e tres conxuntos parroquiais perviventes actualmente en Santiago, é o da Peregrina, un dos máis atractivos pois mantén gran parte dos espazos e construcións vinculados a este templo como a casa reitoral, o cruceiro e a carballeira, cun excelente palco da música cuxa tipoloxía evoca a súa época, 1928. Hoxe en día, o campo da festa, renovado en 1995 polo concello de Santiago, ten o seu eido na propia carballeira. Dentro do conxunto murado que dá marco á igrexa podemos apreciar o vello cemiterio coa fermosa fachada enreixada da entrada, a fábrica ou casa de autopsias e un hórreo.

O balado que choe o conxunto parroquial ten, ademais do van de acceso ao adro coa reixa no chan para impedir o paso dos animais, unha porta de comunicación co carballal e a do camposanto.

A Peregrina non é allea ao andazo da perda de peso que veñen sufrindo as demais igrexas de Galicia pois, como di Juan Ferreiro Otero, un dos veciños con casa fronte a igrexa, antes eran sesenta familias as que alí vivían pero agora…, hai corenta anos levaron os púlpitos do templo, e aínda que o cura baixara para dicir a misa ao nivel da xente e cara a ela, non tiñan porqué tiralos dalí. Quedaban ben e eran fermosos.

Como podemos ler no vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago de Compostela, en referencia aos conxuntos parroquiais, “estes conxuntos constitúen elementos de grande interese, tanto pola riqueza da súa arquitectura como por seu carácter de fito en torno ao cal se articulan os espazos públicos de relación: adros, carballeiras, converténdose en elementos de grande interese etnográfico engadido”. A peculiaridade da Peregrina está na forma de fuso ao longo da estrada, pasaxe cara os concellos do Val de Dubra e de Trazo.

A IGREXA. Don José Esmorís é, dende hai anos, o responsábel dunha igrexa levantada, segundo reza a inscrición da fachada, en 1795, e que presenta planta de cruz latina e muros de sillería de granito e fachada clasicista con dúas pilastras a cadanseu lado, que lle dan un potente sentido ascendente a unha torre-campanario, de planta cuadrangular, coroada por un pavillón octogonal. O segundo corpo horizontal da fachada, confórmao un gran frontón semicircular, partido na súa base por unha fornela coa imaxe da Virxe Peregrina. No interior, dous retablos laterais, un dedicado á Virxe do Carme, de estilo clasicista, e outro, coa figura da Virxe de Covadonga, e que ata mediados do século XIX se situaba na capela de Santo André da Catedral de Santiago.

Este, construído por Simón Rodríguez e Luís Parcero en 1733, foi restaurado en 2006 por Marta Becerro (da empresa “Tomos”) por encomenda do Consorcio de Santiago, cadrando cunha primeira intervención encamiñada á eliminación de humidades, proseguida nunha outra quenda, tamén proxecto do Consorcio, concretada na pavimentación do piso, e que agarda complementarse axiña cunha máis centrada na humedén do campanario e na renovación dos xugos das campás.

Pablo Tomé Ferreiro | Artigo publicado en elcorreogallego.es