O maxisterio do Sr. Arcebispo

O bispo é o pastor da diocese. Os sacerdotes e diáconos son colaboradores.

Antano, tiñan os bispos a axuda dun coengo especializado en oratoria sagrada. Era o coengo maxistral.

Coa nova liturxia do Concilio Vaticano II, é o celebrante que preside a eucaristía o que, normalmente, ha de dirixir a palabra ao pobo.

Como queira que o noso Sr. Arcebispo multiplica a súa presencia na Catedral e en todas as parroquias da arquidiocese, de aí que teña el as homilías que son exemplo de ensinar, motivar ao pobo congregado.

Hai publicacións como o Boletín Oficial da Arquidiocese, ou Gárgola/Revista de Cáritas Diocesana, que nos ofrecen múltiples intervencións do Dtr. Barrio Barrio sobre todo acontecemento que teñamos nas actividades pastorais. Así: o Seminario, Campaña da Fame, Domund…Hai pouco dirixiuse en amable carta no día da Infancia Misioneira, para agradecer a colaboración dos nenos/as.

Sobre o culto ao Apóstolo Santiago ten valiosos artigos, como dun sabio en historia da Igrexa, que publicou nun tomo o Instituto Teolóxico Compostelán. Tamén na revista Compostela.

Quero referirme especialmente á Carta Pastoral que nos dirixiu con motivo do Sínodo Diocesán. É un tratado de teoloxía da diocese, que é un campo pouco tratado polos teólogos.

Así mesmo, para o Ano da Misericordia, outra Pastoral, feita adrede, de primeira man. Advirte calquera que non está composta con recursos a  diccionarios bíblicos ou teolóxicos.

Dame pena pensar que, quizais, tanto esforzo por evanxelizar, nós, os destinatarios, non aproveitemos tanto como esa ensinanza merece. Velaí unha gran responsabilidade nosa.

Xosé Pumar Gándara