Os Centros Penitenciarios

No día de Nosa Señora da Mercede celebran a festividade da súa patroa os centros penitenciarios. San Pedro Nolasco fundou a Orde Mercedaria no século XIII para redimir cautivos que caían nas mans de xentes non cristiás. Os frades mercedarios atenderon ós internos dos nosos cárceres. Un labor semellante fixeron os frades trinitarios, Orde fundada por San Xoán de Mata no século XII. Foron eles os que rescataron a Miguel de Cervantes, que estaba na cadea en Arxel. Por iso o noso escritor quixo ser sepultado na igrexa dos trinitarios, aló en Madrid. Acaban de facer pescudas e encontraron alí soterrados os restos de Cervantes e os da súa muller.

Un dos Centros Penitenciarios é o de Teixeiro-Curtis. Agora exerce alí de capelán o sacerdote bergantiñán don Manuel García Souto. Preocúpalle especialmente a situación dos reclusos cando saen libres, despois de cumprir condena. Porque se non teñen traballo é fácil que volvan recaer na vida delictiva anterior. E os nosos cárceres teñen como misión importante a restauración  das persoas e devolvelas á sociedade como seres libres e responsables. O Sr. García Souto publica reiterados chamamentos no Boletín Oficial do Arcebispado para despertar a nosa pasividade ante este problema. A exclusión social fomenta as recaídas.

O Colexio de Avogados de Santiago e Cáritas Diocesana veñen de firmar un acordo de colaboración para que os  presos en Teixeiro teñan asesoramento gratuíto.

O mandato do Evanxeo (“Estiven preso e axudástesme”) temos que cumprilo porque é o amor de Deus para xente moi necesitada de sentilo na súa alterada vida.

Vintecatro de septembro, Nosa Sra. da Mercede. Felicitamos ás Mercedes e Mercediñas.

Xosé Pumar Gándara