Os dous San Martiños e máis o rei Teodomiro

Son persoeiros moi importantes na historia de Galicia e, por iso, tan populares.

San Martiño de Tours (anos 316-370) é patrón de moitas das nosas parroquias e tamén do gran mosteiro de Pinario en Santiago. Sabedes a vida deste santo cando era catecúmeno, oficial do exército romano e bispo de Tours. Fundou moitos mosteiros. Hai imaxes del dacabalo e como bispo, bendicindo. A festa é o 11 de novembro.

San Martiño de Dumio (anos 518-579). Foi arcebispo de Braga, fundou mosteiros en Galicia, loitou contra as supersticións que acó tiñamos. A súa festa é o 20 de marzo.

Escribiu unha obra importante, que ten dous nomes, Parroquial Suevo, ou Dimisión de Teodomiro.

Resulta que Teodomiro, o rei dos suevos que estaban dominando en Galicia no século VI, tiña o fillo Miro enfermo. San Martiño de Dumio achegouse ao rei e díxolle que encomendase o seu fillo a San Martiño de Tours. Os dous Martiños eran paisanos, viñeran de Panonia (Hungría), o resultado foi que Miro curou e con tal feito, o rei Teodomiro fíxose cristián católico e, con el, todos os seus súbditos.  Deixaron o arrianismo que era un cristianismo adulterado.

Máis cousas fixeron Martiño o Dumiense e o rei Teodomiro. Todas as dioceses que había en Galicia antes da invasión dos suevos, foron restablecidas. As dioceses que temos hoxe en Galicia, cinco, tomaron vida nova coa conversión de Teodomiro, propiciada por S. Martiño Dumiense. A máis beneficiada foi a de Santiago.

Este Martiño Dumiense ten unha gran igrexa, preto da ría de Foz, provincia de Lugo. Moi artística. Alí tivo a súa sede e o seu bispo a diocese de Mondoñedo. Pero como viñan tantas invasións polo mar e rapiaban todo, no século XII a capital da diocese veu para o interior, para un lugar chamado Vilamaior de Brea. Que é onde está a catedral do actual Mondoñedo, coroada pola imaxe de S. Rosendo, que foi bispo alí, e, pasmado por tanta beleza mirando cara a fachada, está Álvaro Cunqueiro, nado en Mondoñedo.

Xosé Pumar Gándara