Parroquia de garda: Oleiros Norte

Baixo esta denominación agrúpanse as comunidades de Santa María de Dexo, San Xián de Serantes e San Cosme de Maianca que, en territorio e poboación, son un terzo das nove que compoñen o concello de Oleiros, (antiga Xurisdición de Miraflores): preto de cinco mil habitantes, repartidos en 12 km2 e servidos en cinco templos con capital na localidade costeira de Mera. Como acontecía nos tempos da Igrexa Apostólica, trátase “dun só Corpo e moitos membros diferentes”.

Cando a estas alturas estaríamos “en garda” verbo da celebración dos sacramentos de iniciación, da festas das “Fillas de María”, da organización do mercadiño de Cáritas pis axiña han chegar os veraneantes, das necesarias obras de mellora e mantemento dos bens parroquias…, de súpeto acontece esta situación atípica e desconcertante da pandemia, que remuda as nosas atencións e forza a poñer o til noutras emerxencias.

Toca agora cangar co deber solidario de cidadáns e enfaixarse, sobre todo, coa práctica das obras de misericordia en favor “da carne de Cristo”, que son os máis pobres e magoados polas consecuencias da COVID-19.

Así, deste xeito, houbemos dar un enorme salto tecnolóxico. En poucos días moitos, empezando polo cura, tiveron que facerse expertos en Facebook, Instagram, YouTube, Hangouts e demáis historias.

Os de Cáritas -uns voluntarios e voluntarias excelentes- en nada de tempo, organizáronse para, dunha banda gardar as medidas do Goberno en materia de recursos humanos no ámbito dos servizos socias e, doutra, seguir atendendo con dignidade aos preto de medio cento de usuarios e usuarias do noso punto de atención.

O grupo de catequistas, espremeron todo o seu ser, saber, e saber facer para que, en colaboración cos maiores da casa, os pequenos e pequenas non quedaran sen celebrar axeitadamente o Triduo Pascual. As fotos chegadas de nenos e nenas logo do domingo de Ramos, puxeron un verniz de cor nestes días cinsentos, ao comprobar a súa imaxinación confeccionando uns ramallos “virtuais”…

Nunca tanto se votou man do “apostolado telefónico e dixital”, para que a comunidade descubrise sitios onde acudir para compensar a ausencia do servizo litúrxico. Cántos nestes momentos de obrigatorio confinamento, estanse a converter en xente de misa diaria en familia, aínda que sexa ¡non queda outra!, na televisión ou nas redes sociais. Cántos están a levar nestes días unha vida realmente cristiá co rezo do santo rosario lembrando a tantos defuntos. Cántos están a bradar pola volta da vida sacramental ordinaria. Cántos que, en época de cativos ingresos, ofrecen a súa colaboración económica para que poidamos saír adiante…

Esta é a nosa “garda”: poñerlle doado ao Señor Xesús, noso Salvador, para que encha coa súa luz o acontecer das nosas vidas.