Peregrinando por la Diócesis: San Xoán de Carballo (3ª parte)

Notas para a historia da parroquia de San Xoán Bautista de Carballo

III

     Vén un período turbulento para os mosteiros. As apetencias dos nobres sobre as posesións monacais foron cada vez máis fortes e manifestas. Así, no 1.416, o rei Juan II (Lucas A. tomo Soandres, p. 139 a 241 ss.), reclama a Arias Pardo que cumpra as normas dadas contra os que teñen bens de Soandres. No 1.419, o procurador do mosteiro reclama a Arias Pardo das Mariñas bens que son de Soandres. Nada menos que a metade do couto de San Xoán de Carballo.

Os mosteiros pasan a defender os seus dereitos. Crearon os chamados abades comendatarios. Eran persoeiros da nobreza, acreditados, e con poder no mundo civil. Así no 1.467, o abade de Soandres nomea comendatario a Gómez Pérez das Mariñas, aforándolle a terceira parte dos bens que tiña o mosteiro en San Xoán de Carballo. A defensa que estes nobres puideron facer tiña o seu costo. Este Gómez Pérez das Mariñas era fillo ou neto de Arias Pardo (tomo Soandres, p. 135). Ademais o abade concédelle o dereito a presentar ó sacerdote que sirva a Carballo (Lucas A., tomo Soandres p. 142). Con isto, o abade cede na reclamación de bens a Arias Pardo e consegue un abade comendatario. Uns herdeiros de Gómez Pérez exercerán o dereito de presentación do párroco ante o arcebispo.

Nas Guías Eclesiásticas da nosa diocese, desde a 1.888 ata a de 1.965, recoñécese ese dereito a Dña. Petra Enríquez Bermúdez. Apelido que figura na xenealoxía do pazo das Pallas-Artes. Non podemos dar a liña sucesoria dos que tal dereito tiveron, pero sabemos que no arcebispado cando anuncian a provisión dunha parroquia sobre a que hai dereito de presentación, esixen que se demostre que ese dereito foi exercido nos últimos cen anos, cando a ocasión o requiría. De fallar nalgunha requisitoria, perdíase o dereito. Os dous últimos párrocos presentados foron José Carballeira, no 1.895 e Venancio Ruano, no 1.945.

No ano 1.495, Diego de Melgar, abade de San Martiño Pinario, faise cargo de Soandres, que seguirá como priorado (Lucas A., Soandres, p. 132)

No 1.500, agora por disposición papal, pasa a San Martiño. No 1.540, o prior de Soandres presenta como párroco de Carballo a Diego Gómez. Supoñemos que contaba co asentimento dos presenteiros laicos (Pumar, p.37. Datos tomados de Libro Índice).

Continuará

     Xosé Pumar Gándara