Pontevedra acolle unha mostra de teatro solidario a beneficio de Manos Unidas

Este sábado, 20 de agosto, a compañía Teatro Arume puxo en escena “Historias de Galicia”, un conxunto de pequenas obriñas de autores galegos. Tivo lugar ás 21:00 h., no Teatro Principal de Pontevedra e os beneficios do recadado estarán adicados aos proxectos humanitarios que a delegación de Manos Unidas en Pontevedra desenvolve actualmente no continente africano. Representáronse pezas de Varela Buxán (“¿Pista ou peste?”, “Os casados de pouco” e “¡Meu pai!”), Blanco Amor (“A medosa Blandina” e “A Tía Lambida”), Pernas Cora (“¡Ai que sería de nós sen os obreiros!”) e fragmentos de “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao.

Manos Unidas con Malawi

A solidariedade dos pontevedreses mira este ano a Malawi, o país centroafricano, e concretamente cara a rexión de Lilongüe, onde máis do 90% das familias viven dunha economía de subsistencia. Precisamente nesta contorna é onde se está poñendo en marcha unha iniciativa solidaria de apoio a 450 agricultores, por valor de 33.062 €. Este proxecto, financiado pola delegación pontevedresa de Manos Unidas beneficiará a máis de 2.700 persoas.