Que xeito de impoñer o propio sentir

A nosa sociedade anda á procura dos espazos. A mente escolle, entre os que interpreta como seus, os que considera mais apropiados. Ás veces, para querer defender as prazas como ben propio, mesmo permiten, nos sitios onde non hai fochancas, organizar cacharelas enriba da pedra de granito.

A cidade de Santiago, na que poñen os seus ollos turistas e peregrinos, ocupa hai xa algún tempo, cando asoman as festas do Apóstolo, a Praza de A Quintana. Nos días pasados, cando estaban montando un inmenso escenario que aterra aos amantes do arte, quedaba pouco sitio para os que intentaban cruzar a Porta Santa. Aquela articulada cornixa, destinada a poñerse no cumio desa plataforma, estendíase ata preto desa Porta que atrae tanta xente e deixa tantos beneficios á nosa cidade.

En vendo ese escenario non puiden menos que lembrar o que se montara diante da igrexa de San Bieito dous días antes das pasadas eleccións, e que deixaba en situación precaria ao templo dedicado ao santo de Nursia. Aquel día, estiveran ou non abertas as xanelas, os veciños do Casco Antigo tivemos que escoitar os discursos dos que se senten con dereito sobre o nome e demais cousas da cidade de Santiago.

O día dezaoito do mes en que estamos, o de xullo ou de Santiago, organizouse, supoñemos que coa licenza das autoridades locais, unha mostra a carón da igrexa de Santo Agostiño. Segundo o que aparecía en El Correo Gallego o día seguinte, dúas mozas, acompañadas de algúns bebés, amosaban o que tiñan, sen atrancos de roupas. A tal ver, resultaba un pouco estraño que tiveran a fachada de San Agostiño como se fora a galería de actores dun teatro grego ou romano. Poderíase un preguntar por que non o fixeron na Praza do Obradoiro, pois, ademais de ter mais cabida, alí está a fachada barroca da Catedral e o Pazo de Raxoi, coas borlas do Arcebispado e co Apóstolo coroando o edificio. ¿Sería por respecto ao Hostal dos Reis Católicos ou mesmo ao Reitorado da Universidade?

Cumpriría indagar o proveito desas mostras: ¿sería para ofrecer gratis á xente o que lles pode resultar agradable? ¿sería para familiarizar á xente co que non se amosa en público tódolos días? ¿Pensaron os que o permitiron ou promoveron en que iso pode ferir a moitas mulleres e fomentar o machismo? ¿Non saben que hai demasiada violencia sexista na nosa sociedade, ata o punto de non necesitar mais estímulos? ¿Chega ata ese punto o intento de impoñer o que a un lle parece, fronte ao sentir mais xeral? ¿Ou é que poderían ofrecer á sociedade compostelá os que artillaron ese número unha razón que faga doada esa mostra, e que compense os males que pode provocar?

José Fernández Lago