Santos e Difuntos

Gran movemento nos Camposantos. As floristerías desvívense por servir crisantemos e outras especies propias desta celebración. Vemos luces en cada nicho, limpas as campas, brillantes os metais.

Almas hai á beira dos seus difuntos que están orando, meditando, lembrando aquelas vidas tan amadas.

Algúns, mesmo o ano pasado, adornaban os sartegos dos seus. Hoxe, reciben os amorosos tributos que eles tributaron antes.

Insistimos na oración, na reflexión sobre a caducidade da vida. Porque a celebración de Santos e Difuntos non é un intre de consumismo ou de competencias por ver que panteón luce máis. Cada quen fai o que pode, e Deus coñece todo.

Pode haber algunha sepultura abandonada, seguramente de familia que xa desapareceu. Pero a Igrexa ora por todos os seus difuntos, de todos os tempos e lugares. Máis aínda polos alleos á Igrexa, polos adversarios da mesma, polos ateos. Véxase a Oración solemne do Venres Santo.

Sexa así, de xenerosa a nosa oración, que nos motive a vivir, e así prepararnos, para o intre en que Deus nos chame.

Que descansen en paz. Amén.

Xosé Pumar Gándara