Semana devota

Esta de Santos e Defuntos é como unha semana santa (pasión e resurrección) referida a nós, ós crentes, pola obra redentora de Cristo.

Na liturxia oímos termos tan consoladores como: “luz eterna, descansar en paz, vida nova”. Pois ben, o pobo sabe interpretar, aplicar, expresar estes termos co seu labor nos camposantos. Velas como cirios, flores rebosantes de vida, lápidas relucentes… todo iso expresa a Fe dos que se achegan todo o ano ós camposantos, pero máis nestes días que nos esperan.

Mentres limpamos e adornamos, estamos repasando a vida dos nosos devanceiros. Os seus traballos, enfermidade…todo vai coa nosa oración fervorosa, que, máis ca nos labios, rézase no corazón.

Un famoso escritor galego, Ramón Piñeiro López, fálanos do que supón na personalidade galega o sentimento. Este é intuición, convencimento, acción na xente galega. Por iso nos poden falar ós galegos do noso culto funerario. Non é non, un culto mortificante, senón sanador, elevador, reconstituínte da nosa persoa e familia.  Dá sentido ós días da nosa vida. O sentimento é tamén agradecemento ós que sementaron a Fe nas nosas vidas.

Saímos dos ceminterios co ánimo reconfortado. Convencidos de algo que sabemos pola experiencia diaria: a vida é breve, vaise reducindo o noso tempo, pero o final son os brazos amorosos de Deus Pai e os abrazos dos nosos que esperan por nós, e por nós interceden.

Non esquezamos estas ideas. Porque veñen tempos nos que queren “liberarnos” con cousas  fútiles que nos distraian do que é o esencial. Estamos en camiño, non nos  desviemos do que está sinalado para nós, os crentes en Xesuscristo.

Xosé Pumar Gándara