Xornada de Pastoral Educativa 2016: “Escolas en Camiño”

A Xornada de Pastoral Educativa 2016, organizada por Escolas Católicas de Galicia, vaise celebrar o sábado, día 13 de febreiro, nas instalacións do colexio La Salle de Santiago.

O Lema será: “ESCOLAS EN CAMIÑO”

Haberá 3 Relatorios ou Conferencias, a cargo doutros tantos especialistas, e unha Mesa Redonda:

O primeiro relatorio estará a cargo de José Manuel Domínguez Prieto, doutor en Filosofía, profesor de filosofía, imparte cursos universitarios, formador en antropoloxía e psicoloxía da persoa. A través de máis de corenta libros difunde a filosofía personalista en foros filosóficos e psicolóxicos. Desenvolverá o relatorio: A Escola Católica como Camiño de: acollida, apertura, espiritualidade, solidariedade, innovación, creatividade…  Unha escola que abre aos seus alumnos os camiños da vida para ensinarlles a desenvolver e apreciar as calidades que Deus lles concedeu e canto de bo e belo puxo ao noso redor e na natureza.

No segundo relatorio Francisco Castro Miramontes, franciscano, gardián do convento de Santiago, licenciado en Dereito e Teoloxía. Home de fonda espiritualidade e experiencia no acompañamento de persoas nos camiños de Xesús en Terra Santa e no Camiño de Santiago. Tratará de como as Escolas Católicas poden e deben fomentar a vivencia espiritual dos seus alumnos e o acompañamento que deben facilitarlles para que sexan posibles e positivas tales experiencias.

O terceiro relatorio, a cargo de Siro López, licenciado en Teoloxía, formador e artista polifacético que conxuga a pintura, o deseño, a fotografía, a ilustración, o teatro o mimo e a danza. Será o responsable da parte lúdica- estética- festiva. Indicaranos como as Escolas Católicas poden e deben ser un camiño de convivencia, harmonía , beleza, amizade, compañeirismo e alegría.

Na primeira sesión da tarde haberá unha Mesa Redonda na que intervirán: un profesor que ten feito varias veces o Camiño de Santiago cos seus alumnos, e falarnos das vivencias persoais e dos alumnos así como do acompañamento que necesitan; unha profesora que fixo unha experiencia de intercambio con alumnos de varios países e de diferentes relixións, de como é necesario un coñecemento, respecto, acollida, diálogo e “humanidade”; e un relixioso que acolle e atende os peregrinos no Santuario do Cebreiro.