Xornada de Pastoral organizada por Escolas Católicas

O pasado sábado tivo lugar en Santiago unha cita pedagóxico-pastoral organizada por Escolas Católicas. Eran as Xornadas de Pastoral e o escenario foi o Pazo de Congresos e Exposicións. No encontro participou o arcebispo de Compostela, monseñor Xulián Barrio, quen falou sobre a Exhortación Apostólica “Amoris Laetitita”. Os organizadores indicaban na súa convocatoria aos axentes docentes que “afrontando  o  reto  de  atopar  canles  que  favorezan  a  colaboración  na  misión  evanxelizadora  da  escola  e  da  familia,  e  á  luz  da  Exhortación Apostólica post-sinodal “Amoris Lætitia”, as Xornadas de  Pastoral  deste  curso  #XP2017  queren  ser  un  lugar  de  formación e  de reflexión sobre a acción pastoral en familia”.

“Nas  #XP2017 desenvolveronse  catro  relatorios,  onde se ofreceron instrumentos teóricos e prácticos para articular proxectos de pastoral en familia. Aínda  que  a  metodoloxía  foi  expositiva,  os  relatores  achegaron  instrumentos aplicables  ás  realidades  dos nosos centros”, segundo indicaron os organizadores.

“Claves de carácter pastoral da Exhortación Apostólica “Amoris Laetitia” sobre o amor na familia, do papa Francisco” foi o título da intervención do arcebispo de Santiago, monseñor Barrio. No seu relatorio, o titular da Arquidiocese sinalou que na exhortación hai tres dimensións, teolóxica, moral e de cercanía pastoral. Todas elas, dixo, serven para crear pontes que van de Deus á familia e dende a familia a Deus.

Na convocatoria aos profesores para participar nestas xornadas, o secretario autonómico de Escolas Católicas, J. Ignacio Parajó Calvo, lembraba que “neste curso, Escuelas Católicas Nacional retomou a organización das Xornadas de Pastoral  que se celebrarán en distintas autonomías”. E indicaba que “o lema deste curso, Coma Na Casa, fai referencia á necesidade de incrementar a  colaboración e a implicación entre a escola e a familia na misión evanxelizadora. Neste sentido, parécenos especialmente importante  salientar a significatividade que deben ter estas xornadas como momento de encontro da escola católica, para compartir novas ideas e actualizar a formación  pastoral das persoas que están colaborando no desenvolvemento dos nosos proxectos educativos e pastorais”.

“Neste encontro”, dicía o secretario autonómico de Escolas Católicas, “disporemos, ademais, da oportunidade de sentirnos partícipes dun proxecto de escola cristiá que vai máis aló dun centro ou dunha institución, e alimentarnos da paixón e do apoio dun grande grupo de persoas vocacionadas cara a un proxecto rico pola súa fondura humana e apertura á transcendencia, o que contribuirá a alimentar o compromiso e a renovar o ánimo na tarefa. Doutra banda, unha ampla participación neste tipo de acontecementos supón un reforzo de cara á nosa presenza, visibilidade e imaxe pública na sociedade, algo certamente importante no momento actual”.

O segundo relatorio,  Primeira Alianza. Instrumentos prácticos co que se trata de axudar a que os pais e as nais adquiran destrezas e desenvolvan unha relación máis plena co seu fillo nos primeiros anos de vida, correu a cargo de Amaia Halty, psicóloga, membro do equipo investigador e docente do Instituto Universitario da Familia, un centro da Universidade Pontificia Comillas de Madrid.

Logo da celebración da Eucaristía, houbo un terceiro relatorio,  Pastoral coas familias Intercambio de coñecementos e boas prácticas no ámbito pastoral coa familia, desde o proxecto de FEAC (Familia e Escola Acción Compartida), pode servir de inspiración para que podamos abrir novos camiños nos nosos centros, impartido por Juanjo Fernández, consultor pedagóxico da Fundación Escola Cristiá de Cataluña.

O último dos relatorios foi Atención plena (Mindfulness): un quefacer cotián evanxélico”. Técnica que nos permite tomar conciencia de nós mesmos, do momento presente e así abrirnos ao transcendente; fortalece o noso sentido da Compaixón cara a nós mesmos e os demais, a cargo de Juan Manuel Alarcón, psicólogo e responsable de Formación do Grupo Edelvives.