Xa fixeran un bo treito do camiño, e deran voltas por Santiago adiante. Viñan acompañados por unha morea de coidadores. Pediron ter na Catedral o pasado sábado un acto no que puideran presentarlle ao Apóstolo Santiago as súas preocupacións e propostas. Resultaba difícil facelo na Misa das 19’30, porque aos múltiples peregrinos que ían encher practicamente o templo engadíanse os numerosos membros dun Congreso Internacional Xacobeo. Ofrecinlles de aquela a posibilidade de participar nunha liturxia da palabra ás cinco da tarde, nun acto de apenas media hora, e aceptaron.
Desde a Catedral doíanos abondo o pensar que as súas peticións non atopaban na nosa sociedade a acollida que tiñan as de outros grupos, que copaban varios días os balcóns do Concello e que colocaban tamén os seus emblemas nas Institucións Académicas de mais prestixio.
Daquela, comecei a suplicar a aquelas persoas que podían axudar a acoller a aquel grupo de xente doente e aos seus coidadores, que debían ser atendidos. En ningunha outra ocasión encontrei tanta acollida como entón, sabendo que eran nenos -os mais queridos por Xesús- e ademais necesitados. Non é doado atopar quen tire do botafumeiro os sábados e domingos polo serán, pero neste caso houbo quen estivera disposto a facelo. Tampouco ven o organista nesas ocasións, pero para ese acto os dous aos que se lles pediu estaban dispostos a vir. Xusto era o que cumpría. As verbas de Xesús estaban claras: “Cantas veces o fixestes por un dos irmáns meus mais necesitados, o fixestes comigo”.
Eles pedíronlle ao Apóstolo: Que haxa abondas persoas que cedan para cando estas morran a súa medula, de xeito que os doutores teñan mais medios e así fagan fronte á enfermidade de xeito mais doado; e que non lles falten endexamais as persoas voluntarias que, con tanto agarimo, os atenden no día a día.
Era unha delicia o escoitalos e o poder dirixirlles a palabra. Por certo, as súas peticións non podían menos que chegar ata o Apóstolo e tamén influír no noso espírito.
Eles estaban atentos. Pola nosa banda, os que tivemos a dicha de participar naquel acto de acollida, damos grazas a Deus por ter podido acoller a ese grupo de xente tan agarimosa e cordial. Ao mesmo tempo aproveitamos agora para alzar a nosa voz, de xeito que as Institucións sociais dean popularidade a estes colectivos de doentes, e así atopen na nosa xente mais persoas dispostas a axudalos. Vivan felices estes mozos e mais as persoas que os atenden!
José Fernández Lago