O Instituto Teolóxico Compostelán impartiu este ano un curso con un amplo programa de temas de pastoral, orientado tanto á formación permanente do clero, como de curso pastoral para os futuros sacerdotes. Ó curso tamén se matricularon varios segrares.
Nesta mañá do 20 de marzo preto de vinte inscritos, entre sacerdotes, seminaristas, diáconos e leigos, visitaron o Centro Penitenciario de Teixeiro, coñecendo deste xeito o labor que a Igrexa desempeña nel, e aproximándose a unha realidade que moitas veces se quere esquencer socialmente.
Alí coñeceron físicamente o medio penitenciario, coñeceron aspectos do réxime penitenciario, foron recibidos polo equipo directivo e educadores que lles ensinaron dous módulos e as actividades terapterapéuticas que realizan. Nesta visita foron acompañados de Dª Yolanda Sánchez, delegada da Pastoral Penitenciaria, de D. José Antonio Castro, rector do Seminario e director do ITC e responsable do curso de pastoral, de Dª. Andrea Lago, traballadora social de Cáritas e responsable dos pisos de acollida e permiso, e de D. Juan González-Redondo, capelán do cárcere.
Varios dos participantes manifestaron a conmoción que lles causou a dura realidade do cárcere, e o aprecio polo esforzó das persoas por saír adiante e cambiar as súas vidas. A Pastoral Penitenciaria, a Igrexa presente no mundo da privación de liberdade, intenta sensibilizar na sociedade sobre a importancia de ofrecer canles de reinserción, e un concepto de xustiza que teña en conta a perspectiva da rehabilitación.






