O pasado domingo 9 de novembro celebrouse na Tarela (Porto do Son) o Encontro de Catequistas do Arciprestado de Postmarcos, que reuniu preto de sesenta catequistas e sacerdotes das distintas parroquias do Barbanza.
Nun día especialmente significativo —coa celebración da Dedicación da Basílica de San Xoán de Letrán e do Día da Igrexa Diocesana, recordando que o Bispo é o primeiro catequista—, a xornada converteuse nun tempo de comunión, encontro e esperanza compartida.
Tras o xantar fraterno e a foto de grupo, compartiuse unha mensaxe do Delegado Diocesano de Catequese, Miguel López Varela, quen destacou que este é “un ano moi especial, no que estamos iniciando algo moi bonito: o camiño de unirnos en Unidades Pastorais para traballar máis e mellor”.
Sinalou dúas grandes vantaxes deste proceso:
- Innovar e aplicar novos métodos, traballando máis en equipo e aproveitando mellor os recursos.
- Renovar a vida comunitaria das parroquias, xa que “os novos cristiáns traen tamén a súa novidade, que acaba renovando as nosas comunidades”.
Rematou lembrando o lema deste curso pastoral:
“Tempo de Misión, Tempo de Catequese”,
porque “a maior intensidade misioneira, máis deben ser os nosos desexos de facer unha boa catequese”.
A partir desta mensaxe e de textos do Novo Directorio para a Catequese, os participantes realizaron un traballo de reflexión por grupos sobre a identidade da catequese e do catequista como testemuña, mestre e acompañante.
O encontro concluíu cunha celebración da Palabra, pedindo ao Espírito Santo, verdadeiro protagonista, que siga guiando a misión catequética nas nosas parroquias.
O día deixou patente a entrega, preocupación e vocación dos catequistas do Barbanza, que seguen comprometidos en facer da catequese un verdadeiro camiño de fe e vida comunitaria.
Cando a Igrexa se une, comparte e celebra, o Espírito renóvaa e faina máis misioneira.







