A IOAC de Galicia reforza a súa tarefa común e amosa o seu apoio á acampada pola vivenda digna no Obradoiro

A Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC-HOAC) de Galicia celebrou este sábado 17 de outubro a súa reunión interdiocesana en Santiago de Compostela coa participación de delegacións das dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Santiago de Compostela e Tui-Vigo. Durante o encontro, puxéronse en común as planificacións diocesanas e a realidade de cada territorio para consolidar o traballo conxunto do movemento.

Canto aos principais eixos da tarefa común, acordouse organizar o Día da HOAC de Galicia para o 29 de maio de 2027 en Lugo, integrando o peche da campaña «Coidar o traballo, coidar a vida» coa problemática do acceso á vivenda. Do mesmo xeito, planificouse a realización duns obradoiros e formación sobre Doctrina Social da Igrexa (DSI) para febreiro de 2027 en Lugo e establecéronse acordos para mellorar a coordinación e comunicación entre as distintas dioceses.

Unha vez finalizada a xuntanza organizativa, e tras un xantar compartido, os e as militantes participantes da IOAC-HOAC acudiron á acampada a prol da vivenda instalada na Praza do Obradoiro hai 17 días e que conta con ata 140 tendas de campaña. Coa súa presenza no lugar, o movemento quixo trasladar de forma explícita o seu apoio e solidariedade coas reivindicacións sociais en defensa do dereito a unha vivenda digna para todas as persoas.