A cadeira utilizada polo papa Benedicto XVI na Eucaristía da súa visita a Compostela no Ano Santo de 2010 exponse nunha exposición homenaxe á madeira, “Da árbore á cadeira”, que se inaugura hoxe venres na Cidade da Cultura, segundo informou a Xunta de Galicia. Tanto a cadeira como o conxunto arquitectónico que acolleu a celebración litúrxica presidida polo papa na Praza do Obradoiro foron obra do arquitecto Iago Seara. O propio arquitecto definiu a súa obra como “unha arquitectura efímera” que ía permitir “hacer llegar la celebración al mayor número de fieles posible”.
As pezas que naquela ocasión, o día 6 de novembro de 2010, estaban presentes no altar eran: un cáliz do arcebispo Múzquiz; un copón do arcebispo Monroy; unha imaxe da Virxe do Carmen, pezas todas elas procedentes da Catedral. Ademais houbo 150 copóns de barro vitrificado de “oleiros” de Buño e unha cruz deseñada polo artista Manolo Paz. Tal e como se lía na documentación entregada aos medios de comunicación, tratábase de “santa cruz en labra y transparencia sobre dos tablas de granito negro de Pontevedra enmacladas por la transparencia. La cruz la conforma el esculpido-vaciado y la transparencia-luz”. Eran máis de tres tonedadas de granito galego dunha canteira de Couso, en Moraña, cedida pola Asociación de Graniteros.
O Arcebispado de Santiago de Compostela cedeu a cadeira para a exposición organizada na Cidade da Cultura, que estará aberta ata o vindeiro mes de novembro. Dende a peregrinación do papa emérito Benedicto XVI a Compostela, a súa cadeira exponse permanentemente na sede do Arcebispado compostelán.
Homenaxe á madeira
Trinta dos máis importantes arquitectos e deseñadores galegos réndenlle unha homenaxe á madeira na nova mostra da Cidade da Cultura: “Da árbore á cadeira”, que abre as súas portas este venres, 7 de abril. A nova mostra do Gaiás explora a relación do home cos bosques e ofrece un percorrido polo deseño do moble contemporáneo galego.
‘Da árbore á cadeira’ será inaugurada este venres no Museo Centro Gaiás. A partir das 16 horas, todos os galegos están convidados a visitar esta mostra que permitirá darlle visibilidade á creatividade acadada por arquitectos e deseñadores galegos, e dirixirá a ollada dos visitantes sobre a riqueza ambiental dos bosques, así como sobre a tradición en Galicia dos oficios vinculados ás artes da madeira.
Dos pioneiros aos contemporáneos
Comisariada polo recoñecido arquitecto galego Carlos Seoane, “Da árbore á cadeira” propón unha viaxe emocional da materia ao produto, da madeira ao mobiliario doméstico. Así, a exposición ofrece unha viaxe polo deseño desde os pioneiros (Isaac Díaz Pardo, Alejandro e Jesús de la Sota e Xosé Bar Bóo) ata os contemporáneos, entre os que se atopan moitos dos grandes arquitectos e deseñadores galegos, como Manuel Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Buceta ou Iñaki Leite.
Previamente, o visitante entrará en diálogo cos bosques a través da súa compoñente artística, cultural e identitaria. A ollada persoal de fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, José Caruncho, Juan de la Sota ou Juan Rodríguez mestúranse no primeiro andar do Museo Centro Gaiás coa visión que do bosque tiveron grandes artistas plásticos como Castelao, Seoane, Maside e figuras contemporáneas como Pamen Pereira ou Jorge Perianes. Unha vinculación home-territorio que tamén se plasma a través das árbores centenarias da finca Galega de Alfoz ou a colección de troncos de Xaquín Lorenzo, ‘Xocas’.
“Da árbore á cadeira” conta coa colaboración do Grupo Cándido Hermida, que fabricou en exclusiva para a mostra mobles deseñados polo comisario Carlos Seoane, Fundación Banco Sabadell e Viaqua, ademais do apoio do Clúster da Madeira e o Deseño en Galicia. E como todas as actividades culturais da Cidade da Cultura, a exposición conta co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega.
Ata o 5 de novembro
A exposición pode visitarse desde este venres, 7 de abril, ata o 5 de novembro de martes a domingo en horario de 10 a 20 horas. Ademais, a Cidade da Cultura ofrece todos os días visitas comentadas á mostra ás 17:30 horas e os sábados, domingos e festivos tamén ás 12:30 horas. A entrada á nova exposición da Cidade da Cultura é de balde.