A diocese de Santiago de Compostela convoca a I Xornada Pastoral do Traballo baixo o lema «Traballo, pero aínda máis precario»

Ante o crecemento da precariedade laboral e as dificultades de acceso a unha vivenda digna que afectan a tantas familias e persoas mozas, a comunidade diocesana organiza a I Xornada Pastoral do Traballo. O encontro busca sensibilizar sobre a realidade do traballo máis precarizado e discernir respostas colectivas baseadas na dignidade humana.

A xornada fundaméntase no pensamento social da Igrexa. Como sinala a recente encíclica Magnifica Humanitas, «non chega con exaltar a liberdade individual ou a iniciativa privada, se despois se acepta que unha multitude de persoas siga vivindo sen un traballo digno, sen tutelas e sen acceso aos bens fundamentais».

Nesta mesma liña, o arcebispo de Santiago de Compostela, D. Francisco José Prieto, salienta que «non existe peor pobreza que aquela que priva do traballo e da dignidade do traballo». Así, lembra que o traballo digno constitúe unha dimensión irrenunciable da vida social e un factor relevante para o crecemento persoal e a convivencia como pobo, polo que cómpre promover condicións para que sexa un don libre, creativo e solidario.

Así mesmo, a convocatoria asume os obxectivos da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) e o seu lema «Ante a exclusión, traballo decente», denunciando que a crise de vivenda e a especulación fan que ter un emprego xa non garanta saír da pobreza nin desenvolver un proxecto de vida autónomo. Reclámanse salarios xustos, contratos estables e políticas públicas que protexan ás persoas traballadoras.

Programa da Xornada (Sábado, 12 de decembro de 2026)

  • 10:00 h – Acollida no Centro Sociocultural da Cidade Histórica “Maruxa e Coralia” (Praza de Salvador Parga, nº 4, Santiago – enfrente da igrexa das Ánimas).
  • 10:15 h – Charla 1: «Descrición do traballo precario», por Xosé Cuns (director de EAPN Galicia).
  • 11:00 h – Charla 2: «Alternativas ao traballo precario», por Isabel Fraga (xerente de Arroupa).
  • 11:30 h – Diálogo cos poñentes e descanso.
  • 12:15 h – Mesa redonda: Análise do traballo no rural, na cidade e no mar, coas intervencións de Jesús Ríos Sánchez (contorna rural), Aldair Gallegos (traballador migrante regularizado) e Manuel Ángel Reiriz González (presidente da agrupación de mariscadores de Aguiño).
  • 13:30 h – Clausura e conclusións.

A asistencia é totalmente gratuíta e non se require inscrición previa (acceso libre ata completar capacidade). Convídase a participar a sindicatos, entidades sociais, comunidade diocesana e a toda a cidadanía interesada na defensa do traballo digno.