A gran afluencia de público certifica o éxito da III Romaría Mercado Artesanal de San Martiño organizada pola Unidade Pastoral de Campo Lameiro

  • Ademais das compras, a actividade gastronómica e musical este ano realizáronse 4 sorteos entre os asistentes

A Unidade Pastoral de Campo Lameiro que dirixe o cura párroco Fermín Santiago Iglesias valorou moi positivamente o resultado da celebración da 3ª Romaría Mercado Artesanal de San Martiño de Penalba que deu cita a medio cento de expositores e a unha gran afluencia de público procedente non so deste municipio senón doutros limítrofes que aproveitaron esta actividade de onte para achegarse ata Penalba.

Este ano, como novidade, a organización da 3ª Romaría Mercado Artesanal realizou un total de 4 sorteos para agradecer a fidelidade dos asistentes ao tempo que permitía, coa venda de rifas, sufragar os gastos que representa esta actividade que se consolida como cita obrigada no mes de novembro na contorna.

Pola súa banda o mercado artesanal, concitou a presenza de máis de medio cento de expositores que amosarán baixo unha carpa xigante instalada na explanada da área recreativa de San Antonio de Penalba, en Campo Lameiro, as súas creacións e mercadurías relacionadas cos xoguetes de madeira, bisutería, queixos, especias,produtos gourmet do Bierzo, pan e doces, gofres, plantas, cestería enmimbre, ganchillo, torno de madeira, bonecos de tea, lámpadas, zocos,mel, pandeiretas, antigüidades, complementos infantís, cosmética natural,roupa vintage, libros, xabóns, morteiros, produtos galo celta, bolsos, etc.

Para amenizar a xornada, o dúo Caché protagonizou a sesión vermú que serviu para animar aos asistentes a gozar dos postos de xantar habilitados pola organización, especialmente o bar, o pulpo á feira e o churrasco facilitado pola coñecida e afamada Pulpería A Fuchela.

A sesión musical da tarde correu a cargo do debandito dúo Caché e tamén o Dj Jorge Álvarez que animaron aos asistentes a pasar unha xornada divertida recuperando a alegría e a nova normalidade en compaña de familiares e amigos a pesar de que fixo acto de presenza a choiva.