A Xunta de Confrarías de Semana Santa informará sobre próximas actividades e o pregoeiro

A Xunta de Confrarías da Semana Santa de Santiago de Compostela presentará mañá ante os medios, a exposición que levará a cabo a fin de semana, 23 e 24 de marzo, en San Domingos de Bonaval, segundo informou a propia Xunta de Confrarías.

O sábado, dende as 10 e ata as 18 horas, en horario ininterrompido, estarán expostos os traxes e estandartes das diferentes Confrarías, ademais de proporcionar información de interese, datos e peculiaridades sobre as mesmas. Por outra banda, estarán a disposición dos asistentes os carteis da Semana Santa 2019, así como os programas, nos que se reflexan os diferentes actos e desfiles procesionais que terán lugar entre o 17 e o 28 de abril.

Será ás 18 horas, cando finalice a exposición, o inicio do acto “SEMANAS SANTAS DE INTERESE TURÍSTICO”, no que se levará a cabo un coloquio coas Xuntas de Confrarías de Ferrol, Mondoñedo, Viveiro e Santiago de Compostela. Acto, no que o acompañamento musical estará a cargo da Escolanía da Catedral.

No caso do domingo 24, de 10 a 14 horas, retomarase de novo a exposición, que terá carácter gratuíto para todos os asistentes.

Na propia rolda de prensa, a Xunta de Confrarías tamén dará a coñecer o nome do pregoeiro deste ano 2019, no que, sendo un ano especial xa que será a primeira vez que saen ás rúas coa distinción de Interese Turístico, estará a cargo do Arcebispo de Santiago, don Xulián Barrio.

Xa por último, debido ás obras que se están a producir no interior da Catedral, aproveitarase para trasladar puntuais cambios de percorridos, que afectan ás tres procesións que atravesan a mesma dende a porta da Inmaculada ata a praza de praterías. Aproveitan de feito, para lembrar que os programas foron editados e impresos a finais do pasado ano co obxectivo de presentalos en FITUR, o que provocou que non se puideran modificar e xa estean en circulación. Por este motivo recalcan a importancia dos mesmos, e lembran así mesmo, que dende as redes sociais, que durante a Semana Santa estarán actualizadas minuto a minuto, poderán ver os cambios así como os diferentes avisos que poidan xurdir.