- O párroco de Ribeira aborda as que serán as súas primeiras festas patronais
Hai case un ano que Alfonso Mera chegou á cidade para facerse cargo da parroquia de Santa Uxía, así que estas están a ser as súas primeiras festas patronais. Hoxe conmemórase o día grande das celebracións, e nas horas previas o cura non ocultaba certo nerviosismo ante a súa estrea en Ribeira.
-Estas son as súas primeiras celebracións de Santa Uxía como titular da parroquia, ¿como as está a vivir?
-Ben, un pouco apurado todo porque ao ser as primeiras festas nas que estou involucrado un sempre quere facer todo o mellor posible. Como é a primeira vez e non sei moi ben como se viviron estas festas outros anos, trato de escoitar á xente e deixarme guiar un pouco. Non é festivo local e iso afecta moito, vívense as celebracións ben, pero parece que falta algo.
-Este ano houbo unha grande implicación por parte da parroquia na organización.
-Si, tanto por parte do grupo de catequistas como da Asociación de Amas de Casa e Alfaia, que aínda que esta vez non participa, noutras ocasións si que colabora con nós. E tamén axudan persoas que a título particular se ofrecen a botar unha man ou fan as súas propostas.
– ¿Hai algunha novidade no día da patroa deste ano na parte que lle compete?
-Este ano, ao acabar a misa e a procesión, haberá un pincho para todo mundo, co fin de estar todos xuntos e falar. Porque non só rezamos. É importante rezar, pero tamén falar.
-¿Que agarda vostede destas celebracións?
-Dunhas festas patronais sempre espero que axuden a ter unha maior cohesión entre as persoas, unha maior comuñón entre a xente en igualdade, sen títulos nin protagonismos. É un momento para que todos nos sintamos un, é unha festa especial, máis familiar que outro tipo de celebracións.
-¿Transmitiralle iso aos seus fregueses?
-Si, creo que este é un día como máis familiar, de compartir; se cadra estas festas patronais non teñen ese carácter tan lúdico que poden tres outras celebracións.
-Dicía antes que o feito de que o día de Santa Uxía non sexa festivo local se nota, ¿gustaríalle que iso cambiara?
-Si, e pedirei que así sexa. Non me corresponde a min decidilo, claro, pero dalgún xeito si quero reivindicar que o día da patroa sexa festivo local, non en detrimento de ninguén, porque todas as festas son importantes e todos temos que apoialas, pero que Santa Uxía deixara de ser festivo dóeme un pouco, sobre todo polas xeracións que pasaron ao longo dos anos e que fixeron que perdurara.
Unha ruada dará inicio á xornada na honra da patroa (Programa de hoxe)
Despois das actividades da fin de semana, Ribeira homenaxea hoxe á súa patroa con actividades ao longo de todo o día que comezarán xa de mañá cunha ruada (ás 10.00) a cargo do grupo tradicional Arume.
Ás 12.00 horas, os devotos de Santa Uxía están citados na igrexa ribeirense para a misa solemne cantada pola Coral Polifónica Municipal de Ribeira, trala que sairá a procesión acompañada da Banda de Música OJE de Ferrol e as cantareiras de Aires do Barbanza. Ámbalas dúas formacións actuarán no Adro da igrexa a partir das 13.15, e servirase tamén un pincho. Pola tarde, o Mago Xacobe ten unha cita na Porta do Sol (18.00), e Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero ofrecerán un concerto (19.00). Haberá de novo misa solemne ás 20.30, mentres que a orquestra Platinum iniciará a verbena ás 22.00 horas.
Fuente: M. Gómez | La Voz de Galicia
Foto: Fran Brea