Cáritas Diocesana de Santiago e a Deputación da Coruña impulsan a mellora do Centro de Formación e Emprego Violetas

Cáritas Diocesana de Santiago e a Deputación Provincial da Coruña asinaron un convenio de colaboración que permitirá acometer a substitución integral das ventás do Centro de Formación e Emprego Violetas, situado no Barrio das Flores da Coruña, unha actuación que contribuirá a mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e as condicións de confort dun dos principais recursos de formación e inserción sociolaboral da entidade.

A mellora das instalacións permitirá reforzar a actividade que Cáritas Diocesana de Santiago desenvolve desde o Centro Violetas, un espazo de referencia no acompañamento a persoas en situación ou risco de exclusión social a través da orientación laboral, a formación profesional e os itinerarios personalizados de acceso ao emprego.

Con esta renovación das ventás contribuirase a reducir o consumo enerxético das instalacións, mellorar o illamento térmico e acústico e incrementar a comodidade das persoas usuarias e dos profesionais que desenvolven a súa actividade no centro. A actuación forma parte do compromiso compartido por ambas entidades coa sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a mellora dos recursos ao servizo da inclusión social.

A directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, destacou que esta actuación supón moito máis que unha mellora material dun edificio. «Investir no Centro Violetas é investir nas persoas. Cada ano centos de persoas pasan por estas instalacións para formarse, mellorar a súa empregabilidade e construír novas oportunidades de futuro. Contar cunhas infraestruturas adecuadas, eficientes e adaptadas ás necesidades actuais é fundamental para seguir ofrecendo unha atención de calidade».

O Centro de Formación e Emprego Violetas constitúe unha peza clave dentro da estratexia de emprego de Cáritas Diocesana de Santiago. Nel desenvólvense cursos de formación, programas de cualificación profesional, orientación laboral e accións de acompañamento destinadas a facilitar a incorporación das persoas ao mercado de traballo.

A actuación está incluída nun convenio aprobado polo Pleno da Deputación Provincial da Coruña e terá vixencia ata setembro de 2027 para a súa execución e xustificación.