Cáritas Diocesana de Santiago e AGACAL traballarán na formación para mellorar a inserción laboral de persoas en risco de exclusión

Cáritas Diocesana de Santiago e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) asinaron un convenio de colaboración para promover actividades formativas en xardinaría e mantemento de zonas verdes dirixidas a persoas en risco de exclusión social, co obxectivo de mellorar a súa capacitación profesional e favorecer o acceso ao emprego.

Este acordo foi subscrito pola directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte Vidal. A iniciativa desenvolverase nas instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (CFEA), un centro de referencia en Galicia na formación profesional agraria situado no concello de Bergondo.

Para a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, este tipo de iniciativas son clave para xerar oportunidades reais de inclusión. “A formación é unha das ferramentas máis eficaces para romper os ciclos de pobreza e exclusión. Cando unha persoa adquire novas habilidades e confianza nas súas capacidades, aumenta tamén a súa oportunidade de acceder a un emprego e construír un proxecto de vida digno”, sinala.

Farjas destaca tamén o valor do traballo en rede: “A colaboración entre administracións públicas e entidades sociais permítenos sumar capacidades e ofrecer respostas máis eficaces ás persoas que máis o precisan”.

Formación práctica para abrir portas ao emprego

A través deste convenio organizaranse cursos formativos que combinarán contidos teóricos e prácticos centrados no mantemento de xardíns, fincas e zonas verdes. A formación desenvolverase nas instalacións, terreos de prácticas e espazos formativos do CFEA de Guísamo, que contan con parcelas experimentais, zonas verdes e infraestruturas especializadas para o ensino agrario. O alumnado poderá traballar con ferramentas profesionais de xardinaría, pequena maquinaria e equipamento técnico propio do sector, empregando tamén os recursos didácticos e tecnolóxicos do centro para a parte teórica.

Esta metodoloxía práctica permitirá ás persoas participantes adquirir habilidades reais nun entorno profesional, nun sector con demanda laboral e posibilidades de inserción. As actividades estarán dirixidas a persoas acompañadas por Cáritas Diocesana de Santiago que se atopan en risco de exclusión social e que precisan reforzar a súa formación para acceder ao mercado laboral.

Ao remate da formación, as persoas participantes recibirán un certificado de aproveitamento, que recoñecerá a participación das dúas entidades.