Cáritas Milladoiro sinala que o colectivo que máis axudas demandou en 2017 foi o de familias de orixe venezolana

  • Pago de alugueres, alimentación e traballo con mulleres que abandonan a prostitución son algunhas das prioridades expostas por Antonio Caamaño e María Xesús Martínez

O presidente de Cáritas Milladoiro, Antonio Caamaño, e a traballadora social, María Xesús Martínez, presentaron hoxe o balance de 2017 na acción caritativa e solidaria da Igrexa nesta localidade amiense. Das cifras aportadas hoxe, despréndese que ao longo do exercicio pasado se atenderon 183 familias, con 614 beneficiarios das distintas axudas, o que supuxo 496 intervencións. As persoas que demandan máis apoio son mulleres cunha media de idade entre os 31 e 44 anos. Moitas destas mulleres encabezan fogares con 1 ou 2 fillos. A porcentaxe de mulleres atendidas foi o 74,86%. Tanto o presidente local de Cáritas como a traballadora social destacaron que o traballo desenvolto faise en rede, baseado na coordinación, relación e comunicación continua entre os distintos axentes  tanto dos departamentos doutras Cáritas (Vagalume, Centro Traballo e Cultura, etc.), como cos axentes doutras entidades de iniciativa privada e dos servizos sociais públicos. En 2017 destináronse, por exemplo, axudas para aluguer por valor de 5.670 euros. Ademais , para axudas destinadas a alimentación se adicaron 7.410 euros. Ao longo do pasado ano, por outra banda, se evidenciu que o colectivo que máis axudas demandou foI o de familias de orixe venezolana, algúns con antecedentes españois. Tamén se traballou para atender a mulleres que abandonan a prostitución. O informe presentado hoxe por Cáritas de Milladoiro indica que “nós somos mois sensibles a este tema e sempre procuramos atendelas na medida das nosas posibilidades, coordinando toda a nosa actuación tanto co Programa  Vagalume como cos servizos sociais públicos”.