- Trátase da obra “O ilustrado Cura de Fruíme. Diego Antonio Zernadas e Castro (1702-1777). Obra literaria total e poemario galego”
Carlos García Cortés ven de publicar un delicioso libro que leva por título “O ilustrado Cura de Fruíme. Diego Antonio Zernadas e Castro (1702-1777). Obra literaria total e poemario galego”, que sae á rúa nas vésperas do Día das Letras Galegas deste ano 2019. Nel apórtanse razóns dabondo e de peso para que algún día a Real Academia Galega decida incorporar a este clérigo ilustrado á súa nómina de recoñecementos institucionales nun vindeiro 17 de Maio.
Onte tivo lugar a presentación do libro na Aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán (ITC). Acompañaban ao autor, José Antonio Castro Lodeiro, Xosé Fernández Lago e Francisco Buide del Real.
Fernández Lago destacou a calidade humán e intelectual de García Cortés. Alabou o seu traballo de historiador e teólogo e dixo que cultivaba a amizade dos seus amigos.
Pola súa banda, Francisco Buide aludiu a súa laboura profesoral, á abundancia da súa obra científica e ás súas tarefas como eclesiólogo e ecumenista.
Carlos García Cortes agradeceu fondamente a presenza de todos os asistentes e fixo un extenso percorrido pola biografía e a obra do Cura de Fruíme, dende o seu nacemento en Santiago á súa ordenación sacerdotal e ao seu nomeamento como párroco nesa localidade do actual Concello de Lousame.
Este libro de García Cortés é unha aposta decidida polo recoñecemento do cura de Fruíme, persoa “admirable na moderna historia cultural de Galicia”, que “representa como poucos as esencias máis valiosas desta terra e das súas xentes”.
O libro, en suma, é un recordatorio de que o Cura de Fruíme ben merece ser protagonista dun vindeiro Día das Letras Galegas, como propón o mesmo García Cortés.