Aínda non dera comezo a Misa e xa podían contarse por centos os veciños que se ían aproximando á porta da capela da Guadalupe. Rostros emocionados, peiteados de perruquería e tacóns eran a estampa dese momento de máxima expectación no que todo o mundo quería o mesmo: ver saír á Moreniña. Antes de que comezase a cerimonia relixiosa, foron moitos os veciños que tomaron fotos da alfombra de flores e cunchas de moluscos esmagadas que adornaba o chan da parte de diante da igrexa.
Fíxose o silencio na praza cando a voz de Marcelino Sánchez, o párroco local, comezou a abrirse paso a través dos presentes. No altar tamén se encontraba o arcebispo emérito de Tánxer e fillo predilecto do Concello de Rianxo, Santiago Agrelo, que dedicou parte do sermón a lembrar ás vítimas do terremoto que este fin de semana sacudiu Marrocos.
Despois da eucaristía chegou a multitudinaria procesión da Guadalupe, que foi portada por un grupo de rianxeiros ataviados con roupas típicas dos traballadores do mar. Diante da imaxe camiñaban un grupo de nenas lucindo tamén prendas tradicionais. O toque musical da xornada puxérono os membros da banda de gaitas Buxaina, de Taragoña. O paso paseniño das agrupacións e veciños fixo que a curta distancia que separa a capela da virxe e o peirao fose o suficientemente longo como para poder apreciar a beleza da figura, que ía sobre un leito de rosas ton maxenta clariño e flores brancas na parte superior do palio.
Por mar
O son das sereas da lonxa recibindo á Moreniña foi o sinal inequívoco de que en breves ía empezar a procesión por mar. Mentres as gaitas parecían cantar por si soas a letra da Rianxeira, a imaxe foi subida no Curral, de Jesús María Piñeiro. Detrás da barco da santa saíron máis de 50 navíos nos que a música e a boa comida fixeron as delicias dos navegantes. Dende lanchas motorizadas ata embarcacións de maior calado participaron na procesión por mar.
Compartindo cuberta coa Guadalupe ían un grupo de fieis devotas formado por Patricia Vicente, Lola Ordóñez e Luísa González, tres veciñas do municipio barbancés. «Levamos todos estes días indo á novena e imos todos os xoves a escoitar a misa á igrexa o resto do ano», explicou esta última. Engadiron que para elas esta xornada é unha cita ineludible e que levan vindo á procesión desde que eran nenas. Tras chegar á beira da praia de Tanxil, a comitiva náutica deu a volta e emprendeu rumbo de novo ao porto, onde a maioría dos veciños seguían esperando para ver á Moreniña volver ao seu templo.
Tanto na misa como na posterior procesión participaron o alcalde, Julián Bustelo, o concelleiro de Cultura, Julio Alcalde, e o patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, ademais doutras autoridades da vila.
Fonte: La Voz de Galicia