Charla de hoy día 3 en el hotel Balneario de Cuntis sobre María Antonia
Mai, mística, monxa…
VIDA de MARIA-ANTONIA
1700-1760
«Deixaches que a Luz fixese
camiño no teu vivir…»
Falar dunha vida santa
tal como a vexo e sospeito
é unha empresa que me encanta
e que aporta grande proveito.
Neste lugar do Penedo,
hai máis de trescentos anos,
nace a nena Flavia Antonia
entre soños e traballos.
Coas súas lixeiras mans,
tecía, facía encaixes
e bordados de primor,
para a familia e abades.
De aprenderlle á nena a ler
ninguén coidou necesario,
que ela soa, espelida,
aprendeu sen silabario.
María Antonia Pereira
sendo aínda moi mociña
casou co bo Juan Antonio
fundaron nova familia.
O home foise para Cádiz
buscando medios de vida,
e ela quedou en Baiona
coidando á criaturiña.
Aquelo trouxo incomodos,
e debilidades varias,
máis tamén foi ocasión
de afondar moito en pregaria.
Acolleu este mandado,
ollando a un Crucifixo:
sígueme e non tordees,
non deixes o meu camiño.
-Miña filla, non te canses:
quero ser eu o teu Mestre.
-Pois seguireite, abofé,
erguida coma alcipreste.
Pasados uns oito anos,
despois de teren dous fillos,
trazaron facerse irmáns
tendo todos os permisos.
E foi polo san Xosé,
-tamén coma no casoiro-
cando deron este paso
cada ún cara ao seu coro.
Fundar en vida un Carmelo
era teima desde nova;
conseguíuno, e non sen probas,
humanas e relixiosas.
Cuntis, Caldas e Baiona,
dando a volta por Sevilla…
e foi monxa en Alcalá,
antes de o ser en Galicia.
Descobre, e moi axiña,
que nos asuntos de Deus
as súas verbas son obras,
como han ser tamén nos seus.
Despois de buscarlle sitio
e de darlle moitas voltas,
foise facendo en Santiago
un convento para as monxas.
Mentres, vivían estreitas
nunha esquina de san Roque,
e agardaban estrear
Carmelo con albaroque.
Ela foi, por obediencia,
escribindo a súa Vida;
e tamén o Edificio…
para animar ás súas fillas.
Gardáronse estes escritos
coma un tesouro entre panos,
agora saen á luz
para os amigos e estraños.
O século, tan das luces,
sospeita do relixioso,
pero cunha fe vivida
faise un carreiro fermoso.
A monxiña do Penedo,
-e sempre con sinxeleza-
vai por místicas congostras
amando sempre a pobreza.
E así, os seus escritos
rezuman sabeduría,
que, ao xuntarlle a humildade,
achegan ao Deus da vida.
Finou case aos sesenta
cos froitos propios dos santos
e no ceo e no seu claustro,
repousa dos sobresaltos.
Axiña empezan a busca
dos feitos de santidade
entre moitas testemuñas
de veciños e irmandade.
Mais aquilo foi parando,
sen saber moi ben por qué;
proclamada venerable:
teremos moito por ver!
Grazas Deus Pai pola vida,
Grazas Alento de Amor,
Grazas por María Antonia
de Xesús, Noso Señor.
*
Este intento xa acabou;
non foi pouco atrevemento:
cantar unha vida enteira
e arrincarlle bo proveito.
O Penedo, 9-4-2022
X.Antº. Seoane Ares






