Este primeiro sábado de setembro, centos de devotos achegáronse á capela de Nosa Señora das Virtudes, na parroquia de Vitre, que pertence ó término municipal de Frades, para venerar á Virxe. As celebracións comezaron co novenario na Igrexa parroquial, que finalizou este venres coa procesión de traslación ata a capela, situada a dous km. e medio de distancia. A pesares da auga, que este ano non perdoou, máis de un centenar de persoas acompañaron ás imaxes de Santa María das Virtudes e de San Andrés, que é venerado tamén nesta capela. Ás dez da noite, mollados pero alegres, chegamos á capela e celebramos a Santa Misa, presidida por D. Víctor Blanco Naveira, e concelebrada por D. Jorge Oliveira e o párroco, D. Juan González-Redondo. D. Víctor na homilía destacou como na sociedade do “ruído”, chea de mensaxes contrapostos, e onde é difícil establecer unha comunicación fraternal, Maria ofrece un modelo de silencio interior, de escoita da Palabra, onde é posible encontrarnos con Deus, descubrir o esencial que levamos dentro, e tamén comunicarnos entre nós como irmáns.
O día grande foi este sábado, no que a capela foi un rebulir de xente que se achegou á celebración da Misa. A Misa solemne, presidida por D. Andrés Fernández Farto, Vigairo xeral da diocese, rematou coa procesión. D. Andrés falounos de Santa María como escola de virtudes humanas e principios evanxélicos. Nun tempo no que as veces a cultura se alonxa de Deus, o exemplo de María nos mostra como o seguemento de Xesús ofrece un modelo de vida en plenitude. Unha sociedade aberta a Deus é unha sociedade máis humana, onde hai valores sólidos, que cimentan a convivencia e sitúan á persoa nun horizonte de transcendencia.
Despois da Misa maior tivo lugar a sesión vermú, e o xantar de merendas. Máis de duascentas cincuenta merendas, que congregan a familias e pandillas de amigos, se xuntaron este ano, unhas cinco mil persoas, que converten o campo das Virtudes nun espazo emblemático de encontro e convivencia, ó lado da festividade relixiosa. A festa é organizada con enorme traballo pola Confraría de Nosa Señora das Virtudes e de San Andrés, e pola Asociación de Veciños de Vitre. Os Concello de Frades e Mesía colaboran coa limpeza do recinto, e a preparación dos accesos.
JGR