O domingo 25 de outubro, máis de cincuenta catequistas e sacerdotes do Arciprestado de Postmarcos reuníronse nas instalacións da Tarela, en Porto do Son, para celebrar o tradicional encontro de inicio de curso catequético.
Tras a catequese e a celebración da Eucaristía dominical, os participantes compartiron un xantar fraterno que serviu como primeiro momento de convivencia. Este foi xa o terceiro encontro destas características, unha iniciativa que se consolida como un espazo para fortalecer os lazos entre as distintas parroquias do arciprestado e para tomar conciencia de que todos formamos parte dunha mesma Igrexa que camiña unida.
A xornada contou coa presenza do Delegado de Catequese e Catecumenado, Miguel López Varela, quen presentou o cartel e o lema da catequese para este curso: “Tes sede?”. A súa intervención invitou aos asistentes a reflexionar sobre as novas realidades e retos cos que se atopan hoxe as comunidades cristiás, sinalando a Xesús como a fonte capaz de saciar a sede máis profunda do corazón humano. Ademais, deu a coñecer o novo itinerario catequético que se irá desenvolvendo ao longo do curso.
O encontro concluíu cun breve momento de oración e co envío dos catequistas, a través do cal se lles encomendou a súa importante misión de acompañar na fe aos nenos, mozos e familias das parroquias do arciprestado.
Unha vez máis, esta xornada permitiu compartir experiencias, reforzar a comuñón e renovar o compromiso de seguir anunciando o Evanxeo, conscientes de que o labor catequético é unha tarefa que se realiza en comunidade e en estreita colaboración entre todos.






